Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta asina os convenios de colaboración para a prevención e loita contra incendios con 63 concellos da provincia

 Lugo, 9 de xullo de 2019.- A Consellería do Medio Rural vén de asinar co 63 concellos da provincia de Lugo os convenios de colaboración dirixidos a reforzar os recursos municipais de prevención e loita contra os incendios forestais. A Xunta achega un investimento de máis de 3 millóns de euros (3.061.585 euros) á provincia destinados á contratar o persoal que conforma as brigadas municipais, apoiar o funcionamento das motobombas e/ou financiar a execución de desbroces.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que se ofertaron aos concellos a posibilidade de adherirse a calquera destas tres medidas ou mesmo a todas elas. Dos 67 concellos da provincia, todos subscribiron convenio nalgunha das modalidades a excepción de Lugo capital, A Pobra de Brollón, A Pontenova e Rábade.

O investimento principal na provincia vai destinado a sufragar os custos salariais dos traballadores das brigadas. 51 concellos lucenses constituirán en total 66 brigadas, cun orzamento do Goberno autonómico de máis de 1,7 millóns de euros. Este persoal traballará durante tres meses (a época de alto risco) tanto en labores de prevención como de extinción. O seu principal obxectivo, ademais de servir de unidade de primeira intervención en caso de incendio, é a limpeza das faixas de xestión de biomasa en terreos forestais de titularidade municipal ou de propietario descoñecido.

En relación con este propósito, a segunda liña de axudas vai destinada aos labores de roza para previr os incendios ou reducir os riscos en caso de que se produzan. Os propios concellos participantes indican no seu plan de traballo a superficie sobre a que van actuar, e sobre ese dato calcúlase a axuda que lles corresponde.

A terceira e última liña está pensada para garantir a operatividade das motobombas. Adheríronse 37 concellos -con outros tantos vehículos-, e o orzamento da consellería neste apartado suma máis de medio millón de euros: 509.600 euros en concreto.

O delegado territorial subliñou que estas liñas de cooperación cos concellos axudan a complementar os recursos propios da Xunta e as accións que se desenvolven no marco do Pladiga, o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Este ano, como nas últimas campañas, o operativo de verán na provincia de Lugo está integrado por uns 1.300 efectivos, entre persoal da Xunta, dos concellos, e o persoal contratado para as brigadas helitransportadas.

Exit mobile version