O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os traballos enmárcanse nas obras de mellora dos espazos portuarios da Mariña que a administración autonómica desenvolve periodicamente co obxecto de manter en perfecto estado de uso todas as instalacións da súa competencia e nas que se prestan distintos servizos aos usuarios dos portos.
No caso concreto do porto de Celeiro as obras consistirán na mellora da fachada exterior dos departamentos de armadores e incluirá o acondicionamento de portas metálicas e da fachada. Os traballos consisten no pintado exterior frontal destas infraestruturas (550 metros cadrados) e na reparación ou reposición de 21 portas metálicas.
En Foz, tamén está previsto mellorar os departamentos de armadores, neste caso, prevese o acondicionamento da parte exterior, tanto da fachada principal como da traseira. As obras consisten no pintado de toda a envolvente (1.427 metros cadrados) así como das portas de madeira. Tamén na parte traseira acondicionarse o chan co obxecto de evitar filtracións de auga. As actuacións executaranse en 21 departamentos de pescadores.
Finalmente, no porto deportivo de Viveiro, está previsto a renovación do pavimento no viario de acceso. A mellora consistirá no reforzo con aglomerado asfáltico en quente dunha superficie de 1.600 metros cadrados. As obras inclúen a sinalización horizontal e vertical correspondente, así como a instalación de mobiliario urbano (xardineiras e bolardos).