Lugo, 25 de xullo de 2019.- A Consellería de Cultura e Turismo achega a través do programa “Cultura no Camiño” novas actuacións que complementan a axenda cultural desta fin de semana nos concellos de Mondoñedo, Fonsagrada e Pantón.
A iniciativa da administración autonómica financia cunha achega de 2.500 euros, para cada acto, obras de teatro, danza, música, novo circo ou maxia, escollidas polos concellos situados nalgunha das rutas xacobeas, como é o caso dos tres citados. Todas as actuacións son de acceso libre e gratuíto.
En Mondoñedo a cita será o sábado 27, ás 12.30 horas no barrio dos Muíños, onde terá lugar a actuación do grupo de música e baile tradicional Xacarandaina. Será no marco da feira de artesanía que se celebra neste singular barrio mindoniense e na que contarán, como actuación previa, co pregón do actor e humorista Xosé Antonio Touriñán.
Ese mesmo sábado 27, ás 19 horas, na praza de España da Fonsagrada, desenvolverase o espectáculo Unha noite no Muíño, a cargo do contacontos infantil Caxoto. Trátase dun espectáculo de narración oral dedicado ao gran historiador e etnógrafo Antón Fraguas, no que se emulan as festas que celebraban os nosos antergos. Nesta viaxe no tempo o público cantará, bailará e rirá o son da gaita tocando a muiñeira.
Finalmente en Pantón, tamén o sábado 27 pero ás 23 horas, actuará o grupo Los Mecánicos, que fan unha homenaxe musical ao rock hispano dos anos 80. O veterano trío musical está composto por Fernando Esclusa á voz e á guitarra, (ex Guru Deva), Jose Juan Romeu “Xota”, voz e baixo eléctrico (ex Os Satélites) e Adrián Seijas (Misteriosa Viaxe a Holanda, Pardo, Carlos Childe) á batería.