O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou hoxe que deste xeito “culmina o proxecto de recuperación da fachada marítima para abrir Viveiro ao mar”, unha iniciativa que “comezou co Goberno de Fraga na Xunta e culmina co de Núñez Feijóo” e para a que foi preciso demoler en total 12 galpóns a medida que foron vencendo e puideron rescatarse as concesións.
Balseiro explicou que Portos de Galicia continúa coa mellora da zona renovando a sinalización horizontal do aparcamento que xa existe xunto á estación de autobuses, polo que durante uns días quedará restrinxido o acceso a esta área para completar os traballos. En total, afirmou, “a veciñanza de Viveiro e os visitantes disporán de 335 prazas no peirao antigo, ao carón do centro histórico da cidade”.
Durante os últimos meses, a Xunta traballou na desmontaxe e derrubo dos galpóns, e no acondicionamento dun espazo de 2.500 metros no que se incluíron zonas de axardinamento, iluminación e conexión con servizos urbanos, que deron como resultado 100 novas prazas de aparcamento público e gratuíto que se sumaron ás existentes ata o momento, quedando plenamente integrado na contorna.