Isabel Rodríguez manifestou aos medios de comunicación ao remate do acto que a Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero confirmou que se trata dun caso de violencia machista, co que xa son 2 as mulleres asasinadas en Galicia no que vai de ano.
A subdelegada explicou que “estou aquí, coa alcaldesa e as mulleres e homes de Vilalba, para compartir con eles a súa dor polo asasinato de María Carmen, e para expresar, no nome do Goberno e no meu propio, a miña solidariedade e cariño á súa familia e amigos. Para condenar, unha vez máis, a intolerable violencia machista, ningunha persoa de ben pode mirar para outro lado nin xustificar a violencia sobre as mulleres”.
Pola súa parte, a alcaldesa indicou que “o pobo de Vilalba está triste, conmocionado, indignado e apesadumbrado” por este crime, o primeiro asasinato machista que se produce neste concello, tal como recolle o manifesto que se leu na concentración. “Lamentablemente chegou o día no que lle poñemos cara” á violencia machista, sinala o texto e engade “hoxe en Vilalba estamos de loito”.