Burela 15-7-19. Basilio Otero Rodríguez, presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, da Federación Provincial de Lugo e Patrón Maior de Burela, e Manuel Martínez Pan, delegado territorial da ONCE en Galicia, presentaron esta iniciativa coa imaxe do cupón do día 16 de xullo, que está adicado ao polbo e do que se distribúen este martes cinco millóns e medio de cupóns para impulsar o consumo de peixe.
O acto, celebrado na sede da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo, no Porto de Burela, contou tamén coa presenza do alcalde de Burela, Alfredo Llano, do xefe territorial da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Pablo Fernández Asensio e da directora da ONCE en Lugo, Eva Lorente.
“Impulsar o consumo de peixe” é o obxectivo dos catro cupóns que a ONCE sortea os días 15, 16, 17 e 18 de xullo, tra-lo acordo firmado entre o Grupo Social ONCE e a Federación Nacional de Confrarías de Pescadores. Un total de 22 millóns de cupóns (cinco millóns e medio cada día), promoverán o consumo de varias especies marinas.
A Federación Nacional de Confrarías de Pescadores conta na actualidade con 198 confrarías, 10.000 embarcacións e máis de 50.000 traballadores vinculados. Para o seu presidente, Basilio Otero Rodríguez, este acordo supón un grande impulso, tanto debido á grande distribución do cupón, que chega cada día a máis de cinco millóns de persoas, como ao prestixio de vincular a imaxe das confrarías españolas a unha entidade tan recoñecida como é a ONCE. Ademais «non só da a coñecer a labor dos nosos pescadores, senón que tamén se promove a saúde a nivel alimenticio co consumo de peixe».
O cupón do luns 15 de xullo está adicado ao atún vermello, un peixe azul, túnido, que é o atún de maior tamaño. O seu hábitat atópase por todo o Atlántico, o Mar Mediterráneo e o Mar Negro. É rico en ácidos graxos poliinsaturados, como os coñecidos como Omega3.
O polbo é o protagonista do cupón do martes 16; un molusco cefalópodo e octópodo que vive nos fondos rochosos das zonas litorais, entre rochas e pedras. Con gran valor culinario, aliméntase de pequenos crustáceos, aporta minerais e é rico en vitaminas do grupo B.
A pesca do polbo é un auténtico arte en Galicia, onde a forma máis empregada polos pescadores para capturalo son as nasas, un tipo de pesca sostible no que tódalas pezas que entran e non dan a talla mínima, devólvense vivas ao mar.
O cupón do mércores 17 está adicado á sardiña, un peixe azul que pertence á familia dos clupeidos e é un dos grupos de peixes peláxicos máis abundantes. Rica en Omega3, aporta fósforo, selenio, iodo, ferro e magnesio, ademais de vitamina do grupo B.
A serie péchase o xoves 18 co cupón adicado ao consumo de sama de pluma, un peixe que pertence á familia dos espáridos, moi frecuente nas costas das Islas Canarias. Habita en augas pouco profundas, en zonas rochosas, alimentándose de moluscos, cefalópodos e pequenos crustáceos. Posee un 1% de materia graxa, é rico en niacina, vitamina A, calcio, magnesio e fósforo.
O acordo entre o Grupo Social ONCE e a Federación Nacional de Confrarías de Pescadores conta entre os seus obxectivos promover a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade a través do intercambio de experiencias e o impulso de proxectos conxuntos. Entre as liñas de actuación do convenio figuran as dirixidas a fomentar a integración laboral das personas con discapacidade, a accesibilidade universal e o deseño para toda a cidadanía, a promoción das compras socialmente responsables, a sensibilización en torno á discapacidade e a divulgación da importancia do consumo de peixe, entre outras.
De feito esta non é a primeira colaboración da Federación Provincial de Cofradías de Pescadores de Lugo co Grupo ONCE, xa que hai dous meses presentábase a adaptación da súa campaña de difusión da cultura mariñeira “Cando o Como?” á linguaxe apta para invidentes. Esta iniciativa facilita que as persoas invidentes poidan coñecer tamén na súa páxina web diferentes especies de peixes e mariscos e o seu período preferente de consumo, de forma que cun lector de pantalla poidan interpretar ese contido de maneira sonora.
O Cupón Diario da ONCE ofrece, por 1,5 euros, 55 premios de 35.000 euros ás cinco cifras. Ademais, o cliente ten a oportunidade, por 0,5 euros máis, de xogar tamén na serie e gañar ‘La Paga’ de 3.000 euros ao mes durante 25 anos, que se engadirá ao premio de 35.000 euros. Os cupóns da ONCE comercialízanse polos 20.000 axentes vendedores da ONCE. Coma sempre, grazas ao Terminal Punto de Venta (TPV) o cliente pode elixir o número que máis lle guste. Ademais tamén se poden adquirir desde a páxina web oficial de xogo da ONCE (www.juegosonce.es) e establecementos colaboradores autorizados.