Desde a Federación de Comercio A Mariña subliñan que “as obrigacións de reinserción laboral contan co respaldo dos 900 asociados e asociadas da FCAM e as obrigas financieiras estarán apoiadas por ABanca”.
A FCAM, que está formada por oito asociacións empresariais de sete concellos mariñáns: Foz, Ribadeo, Burela, Xove, Viveiro, Covas, O Vicedo e Lourenzá, considera que “reunimos os requisitos necesarios para poder poñer en marcha un PIE, Programa Integrado de Emprego, no que estarán implicados os sectores do comercio, da industria e dos autónomos. O seu ámbito de actuación serán estes sete concellos”. A Federación de Comercio A Mariña xera na actualidade 2.000 empregos directos e indirectos, segundo se pon de manifesto na memoria do proxecto presentado.
Entre o obxectivos deste PIE figuran: solucionar a carencia de socorristas na comarca, que se repite e que se acentúa un ano máis; mellorar o sector turístico na Mariña; ofrecer formación ao comercio en materias transversais como informática, novas tecnoloxías, idiomas…; ofrecer formación en técnicas que melloren a motivación persoal para unha mellor busca de emprego; e prestar atención ás persoas desempregadas. A acción de intermediación sociolaboral ten por obxecto lograr a inclusión social das persoas desempregadas con especiais dificultades de inserción laboral axustado ás súas necesidades. Mediante a información, orientación e asesoramento, formación e prácticas laborais mellorarase a empregabilidade das persoas facilitando así a súa integración laboral e social.
A Federación de Comercio A Mariña ve un problema no sector turístico: “trátase da falta de socorristas nas praias. Os Concellos nos últimos anos están a ter moitos problemas para atopar profesionais que traballen durante o verán no nosos areais. E pensamos que é preciso buscar solucións para que este feito non volva a producirse. A imaxe que se está a ofrecer non é a que precisamos. As praias teñen que ser lugares seguros para os bañistas”. De aí que dentro deste PIE proponse a realización de cursos formativos específicos, orientados a prácticas profesionais e posterior inserción laboral adaptadas ás demandas dos participantes e do sector empresarial da zona, que neste caso establece como prioritario o curso con certificado de profesionalidade: socorrismo en espazos acuáticos naturais. A duración será de 420 horas (340 teóricas e 80 de prácticas profesionais non laborais).
Este Programa Integrado de Emprego tamén establece actividades auxiliares de comercio: atención básica ao cliente (50 horas teóricas e 40 prácticas); e operacións básicas de restaurante e bar (120 horas teóricas e 80 prácticas).