O edil Jorge Díaz Freije explica que “o que estamos a facer é colocar unha serie de carteis e pegatinas nestes lugares, en Rinlo e en Santa Cruz, informando da prohibición de tirar o lixo ao chan, tal e como recolle a ordenanza municipal de medio ambiente”.
O concelleiro ribadense sinala que “será a Policía Local a que vele polo cumprimento da devandita normativa. Primeiro farao informando, pero chegado o caso procederase a impoñer as sancións correspondentes, que poden ir dos 30 aos 90 euros”.
Jorge Díaz subliña que “o que queremos é que Ribadeo estea limpo todos os días, antes e despois das romarías, das festas e que cada un se faga cargo do lixo que xera e que o depositen nos contedores e nas papeleiras correspondentes”.
O edil de Medio Ambiente engade que “iniciamos esta campaña de concienciación en Rinlo e en Santa Cruz, pero estenderémola polo resto do concello ao longo dos vindeiros días. Durante o verán pasan milleiros de persoas por Ribadeo, por lugares como a Illa Pancha ou As Catedrais, e a todos lles pedimos civismo e que respecten o entorno natural no que se atopan. E o primeiro que hai que facer para respectalo é non deixar papeis, latas, botellas, cabichas, etc… no chan. Por iso queremos pedir a colaboración da veciñanza de Ribadeo e tamén a de todas as persoas que nos visitan estas semanas”.
Á presentación da campaña asistiron tamén o alcalde, Fernando Suárez, e o técnico de Medio Ambiente, Xaime Pérez.