A edil de Cultura manifestou: “desde a Concellaría de Cultura do Concello de Ribadeo queremos salientar que un ano máis celebrouse a feira do libro con notable éxito de ventas e unha alta participación nos actos de presentación de libros e actuacións que acompañaron o desenvolvemento desta edición de Letras no Campo. VI Feira ribadense do libro. A programación feita está ao alcance de todos e así a mostramos aos medios de comunicación e ao público en xeral ao longo destes días”.
Pilar Otero subliñou que “nesa programación ben se pode comprobar que autoras e autores estaban convidados a participar, mesmo se pode comprobar que algunhas librarías tamén convidaron a algúns autores e autoras a asinar exemplares nas súas casetas. É esta unha práctica que se veu realizando desde hai un par de anos. A organización deste encontro literario considerou oportuno permitir este tipo de actos sempre e cando non interferiran coa marcha da feira e sendo previamente comunicada á organización”.
A concelleira ribadense engadiu que “no programa desta edición numero seis pódese comprobar que dúas librarías convidaron a senllas autoras para asinaren exemplares o sábado seis de xullo. Unha desas librarías optou, a maiores, por convidar ao autor de Oubiña, toda la verdad o domingo sete, sen comunicalo previamente á organización. Foi a Libraría Vivín quen, pola súa conta e risco, convidou a este autor sen comunicalo previamente, actuando de xeito totalmente desleal coa organización e coas demais librarías participantes nesta feira do libro”.