A concelleira de Cultura, Pilar Otero, dixo que “logo da nosa cita cos libros en Letras no Campo e despois da grande festa do Ribadeo Indiano, imos seguir este percorrido pola nosa programación cultural cunha proposta da que xa poden gozar desde o pasado día 17 e ata fin de mes. Referímonos á exposición que se pode visitar no Forte de San Damián: Raia na area, unha proposta plástica excepcional, delicada e exquisita de Ana Barranco. Inmediatamente despois, no mesmo espazo, teremos outra mostra que é ben interesante para toda a veciñanza ribadense e tamén para os visitantes, porque se centra en algo próximo a nós e á vez moi descoñecido. Trátase da exposición de fotografía submariña Ribadeo. O que a ría esconde, posible grazas tamén á iniciativa do Club de Actividades Subacuáticas Illa Pancha, coa colaboración do Concello. Poderemos disfrutar de fotografías do fondo da ría e dos tesouros que os mergulladores viron nos seus descensos”.
Otero Cabarcos seguiu a relatar que “esta mesma semana na que estamos protagonizan a nosa axenda dous piares da nosa cultura local: a BMMR ofrece o seu tradicional Concerto do Día da Patria e a Coral Polifónica de Ribadeo o seu Concerto de Verán, solidario, en apoio á AECC. A Banda e a Coral sempre actúan en varias ocasións na época estival, unhas veces sendo protagonistas únicas e outras actuando de anfitrioas (coma por exemplo no Festival de Habaneras, ou no concerto de bandas sonoras, nos pregóns das festas, etc).
Seguindo coa música, e co desexo de diversificar a oferta de xéneros, convidámosvos tamén para este domingo ao festival que clausura o XI Curso de Iniciación ao Jazz, unha cita que se afianza ano a ano. O concerto será este domingo ás 20.00 h no parque de San Francisco”.
A edil ribadense sinalou que “o día 9 de agosto no auditorio está previsto tamén o concerto da Banda Sinfónica de Galicia, que integra a varios intérpretes ribadenses. A música clásica protagoniza a edición número XIII do Festival Internacional de Música Clásica de Ribadeo o día 2 de agosto e a formación I Colori dell’Armonia ofrecerá o seu habitual concerto de música antiga na igrexa parroquial o 25 de agosto. O verán é tamén facer vida na rúa. Temos primeiro unha proposta de Novo Circo para público familiar este mércores día 24 no parque San Francisco e máis adiante, xa en agosto, recibiremos polas vías máis céntricas da vila aos Festicultores, co seu pasarrúas máis festeiro”.
Pilar Otero engadiu que “Lila Teatro, unha compañía profesional provincial, tamén representa en exterior, seguindo con este espírito de saír á rúa, Andanzas dunha cabra montesa. E coma sempre, a nosa axenda tenta darlle publicidade tamén ás actividades das asociacións culturais. Amigos da Gaita celebra a súa grande festa, a Xira de Santa Cruz, este ano cun cartel excepcional. Pola súa banda, a Agrupación Cultural Francisco Lanza, como cada verán, organiza as xornadas de historia local, desta vez arredor da heráldica presente nas casas de Ribadeo. Haberá un día unha charla sobre o tema (o 31 de xullo) e ao día seguinte un roteiro guiado. Tamén haberá unha nova edición de Palabras no balcón cos tradicionais paneis con poemas en diferentes balcóns de Ribadeo. Vén sendo xa habitual nos últimos anos a festa do Guateque, que promove a Comisión do Entroido, que terá lugar o 24 de agosto e que cada vez resulta máis exitosa”.
A concelleira de Cultura indicou que “o verán é a época por excelencia das festas. Moitas das nosas parroquias do rural celebran o día da súa patroa ou do seu patrón. Na vila temos as festas do Carme, que acaban de pasar, as de San Roque e as da Patroa. Son moi valorados tamén tres eventos que se desenvolven nas Anzas, en Remourelle e en Rinlo, a saber, o Día da Malla, a festa da Carne ao Caldeiro e a festa do Percebe. E chegamos a setembro con dualidade de públicos para a oferta escénica. Dúas prestixiosas compañías foráneas, Teatro del Cuervo e El Brujo, presentarán respectivamente as montaxes Bojiganga e Autobiografía de un yogui. E o grande protagonista da nosa oferta de setembro é o público infantil. Musicreques representará no Teatro de Ribadeo unha versión do Quebranoces para bebés. E a biblioteca municipal albergará ata catro espectáculos de pequeno formato para que o alumnado máis cativo dos centros de ensino poida acudir”.
Pilar Otero tivo tamén palabras de agradecemento para as entidades e administracións colaboradoras: “unha parte importante desta proposta conta coa colaboración de entidades como Abanca e tamén da Xunta de Galicia, a través dos seus programas Cultura no Camiño, Ler Conta Moito , Xacobeo 2021 ou Camiño Escena Norte”.