Site icon Crónica3.com A Mariña

A Alcaldesa de Barreiros trasladoulle á Xunta as necesidades e demandas do municipio

Barreiros, 2 de xullo de 2019. No día de onte, a alcaldesa de Barreiros desprazouse a Lugo para manter unha reunión co delegado da Xunta e trasladarlle as prioridades do goberno municipal para traballar nos vindeiros anos.
A pimeira cuestión que a mandataria barreirense trasladou ao executivo galego foi a insuficiencia de finanzamento autonómico para a contratación de socorristas para este verán, ao recurtar de 19 a 8 os socorristas subvencionados, sen previo aviso e cambiando os criterios sen capacidade de reacción por parte dos gobernos municipais. Desde o executivo barreirense trasladouse a posibilidade de revisión desa cuestión para que a distribución dos fondos sexa acorde ás necesidades reais dos municipios.
Ordenación do territorio e servizos.
Ana Ermida tamén sinalou as vías principais nas que traballará o goberno municipal e nas que a Xunta debe implicarse para garantir a mellor das solucións para as veciñas e veciños de Barreiros.
Neste sentido, a alcaldesa sinalou que “en Barreiros é urxente abordar todos os traballos relativos ao saneamento e depuración, desde as parroquias nas que non existe un só metro de rede de saneamento ata o funcionamento das depuradoras; que supoñen un problema importante tanto a nivel medioambiental como mesmo de saúde pública.”
Outra das cuestións abordadas na xuntanza foi a situación do PXOM, pendente de realizar unha xuntanza de traballo co persoal técnico, que debe tramitarse coordinadamente coa administración galega. “A ordenación urbanística do municipio debe facerse desde a responsabilidade da situación creada e pensando no beneficio e o interese xeral e para iso debe existir transparencia absoluta e colaboración interadministrativa.”
Os servizos sociais como centro do goberno.
A posibilidade de dotar a Barreiros dun centro de día foi outra das cuestións abordadas pola mandataria na xuntanza co representante da Xunta.
“O envellecemento da poboación e a necesidade de dar servizos que garantan o pleno desenvolvemento das persoas o máis próximas ao seu domicilio é fundamental para unha sociedade como a barreirense”, manifestou Ana Ermida. Nese sentido, trasladou a demanda social existente para que Barreiros se dote dun centro de día, que permita a atención ás persoas maiores e a conciliación da vida laboral e familiar, aliviando ás familias que aposten por instalarse e desenvolver as súas vidas en Barreiros. “As administracións temos que traballar por facilitarlles a vida ás veciñas e veciños e atender ás demandas existentes. A pirámide poboacional de Barreiros indica a necesidade de reforzar os servizos sociais e a atención á terceira idade e nese sentido se vai traballar desde o goberno municipal”, afirmou.

Exit mobile version