Mondoñedo, 1 de xuño de 2019.- O humorista, actor e presentador Xosé Antonio Touriñán será o pregoeiro da Feira da Artesanía dos Muíños que se vai celebrar en Mondoñedo o sábado 27 de xullo. A alcaldesa en funcións, a popular Elena Candia, agradece a boa disposición do humorista, que xa se ten convertido “nun embaixador da nosa cidade”.
O recoñecido cómico xa estivo en Mondoñedo noutras ocasións, concretamente participou nun percorrido que organizou o Goberno local para celebrar a declaración do Camiño Norte como Patrimonio Mundial. Na visita, Touriñán coñeceu da man da alcaldesa, Elena Candia, os principais reclamos da cidade, con parada obrigada na Catedral e excursión ás Covas do Rei Cintolo.
O actor estivo tamén en Mondoñedo para ofrecer o seu monólogo, un espectáculo que resultou un éxito.
A Asociación de Artesanía Os Muíños organiza a Feira en colaboración co Concello de Mondoñedo. Elena Candia afirma que o evento servirá para promocionar os seus produtos, os seus oficios e o barrio en xeral, “un lugar emblemático da cidade de Mondoñedo que seguimos a rehabilitar e potenciar”.
No barrio dos Muíños consérvase un alfar, un taller de cantería, un taller de títeres, un estudo de serigrafía e un taller de ferro; de xeito que se converte nun espazo único no que se conserva vivo o espírito do seu pasado artesanal a través de diversas actividades económicas.
Inscricións abertas
Así, Mondoñedo acollerá o sábado 27 de xullo a V edición da Feira de Artesanía Os Muíños, un encontro entre artesáns achegados da localidade e das comarcas veciñas para mostrar o súa labor no sector. Igual que noutras edicións as prazas son limitadas, polo que xa está aberto o prazo de inscrición, que se estenderá ata o 15 de xullo. Só se permitirá a exposición e venda de pezas artesanais e produtos locais. Os postos son gratuítos e a montaxe corre por conta dos organizadores.