Vilaronte, 13 de xuño de 2019. A Asociación Cultural o Atrio de Vilaronte está organizando para este sábado, 15 de xuño, unha gran churrascada, que terá lugar no Atrio da Igrexa, previa ás festas patronais de San Xoán que serán a vindeira fin de semana.
Todas e todos os que se acheguen a Vilaronte este sábado poderán degustar, a partir das nove da noite, churrasco e chourizo acompañado de pan e unha bebida, polo prezo de 5 euros ración, co que ademais contribuirán coa organización da festa. Durante o transcurso da churrascada sortearanse varios agasallos entre os asistentes.
A partir das doce da noite a festa continuará no Bar “O Castro”, coa actuación do Dúo Zafiro.
PREGÓN
Este ano, como novidade, as festas patronais contarán coa lectura do pregón, neste caso a cargo de Marta Muíña, veciña de Vilaronte. Este terá lugar o día da churrascada, ás 20,30 horas.
As festas comezan o sábado 22, con misa solemne as 13.30 horas, procesión e a continuación sesión vermú a cargo da orquestra La Favorita. Pola noite, desde as 23.00 horas haberá verbena con La Favorita e Grupo Fénix.
O domingo 23 a misa, tamén as 13.30 horas, estará cantada pola coral polifónica de Foz. Tamén haberá procesión e sesión vermú a cargo da orquestra Principal, que porá o broche final cunha verbena a partir das 22.00 horas.