O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que se poñen en marcha os campamentos de Area (Viveiro), Portomarín, A Devesa (Ribadeo), Palas de Rei e Os Peares (Carballedo), así como os campos de voluntariado de Quiroga e Xermade, e a actividade “Conecta con Galicia” na capital, para maiores de 18 anos e na que poden participar mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior.
Balseiro sinalou que ao longo dos meses de xullo e agosto iranse sumando outras localizacións e sucedendo as quendas, ata alcanzar un total de 34 accións nas que participarán máis de 2.200 persoas organizadas en grupos de idade: os máis pequenos teñen entre 9 e 11 anos, e no outro extremo hai actividades para a mocidade, dos 18 aos 30 anos. A Campaña de Verán 2019 da Xunta de Galicia, que leva por lema “O verán que queres vivir”, supón na provincia un investimento de 725.018 euros.
Actividades
O campamento xuvenil da Devesa iníciase con dous grupos entre os días 5 e 14 de xullo para dúas propostas, “Multiaventura: ambiente e mar” e “Acampada a carón do mar”, con actividades similares adaptadas aos distintos grupos de idade, entre elas surf, kaiak-surf, bodyboard, snorkel con scooter, rocódromo, xeocaching, rastrexo, tiro con arco, xincana, aula de natureza, ruta e acampada, entre outros.
En Area, tamén do 5 ao 14, desenvolverase o campamento sobre “Ambiente mariño e náutica”, no que os rapaces e rapazas practicarán vela, windsurf, wakeboard, kaiak, aula da natureza mariña, snorkel, tiro con arco, xeocaptura, longboard, raid brúxula, skimboard, paddlesurf, cometas de tracción, palas e volei praia.
No campamento xuvenil Os Chacotes, de Palas de Rei, os participantes disporán nas mesmas datas de actividades de escalada en rocódromo, orientación, bicicleta de montaña, tiro con arco, kaiak, piscina, xogos activos, marcha e acampada, obradoiros da natureza e concienciación medioambiental ou carreiras de orientación.
Entre os días 1 e 8 de xullo, o albergue xuvenil Benigno Quiroga de Portomarín ofrece aos máis pequenos a actividade “A miña primeira aventura”, con vela, kaiak, bicicleta, patinaxe, tiro con arco, orientación, xeocaching, piscina, xogos activos, sendeirismo e acampada ou xincana de aventuras, entre outras propostas.
Tamén do 1 ao 8 comeza en Carballedo, nos Peares e a súa contorna, o “Adventure Camp”, con actividades en inglés, orientación, rappel, tiro con arco, kaiak, paddleboard, aula de natureza e piscina, entre outras.
Polo que respecta aos campos de voluntariado, destinados a maiores de 18 anos, o de Quiroga desenvolverase entre os días 2 e 13 de xullo e traballará no eido medioambiental, e o de Xermade realiza tarefas arqueolóxicas dende o 9 e ata o 20 de xullo.