O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou a boa acollida que está a ter esta iniciativa para reducir o consumo de tabaco nas praias marítimas e fluviais, “unha medida que é dobremente saudable, para os usuarios e para o medio ambiente, porque axuda a manter máis limpos os areais”.
Balseiro lembrou que tanto a adhesión dos concellos como o cumprimento por parte dos usuarios é voluntario, “trátase dunha campaña de concienciación e de promoción da saúde, para ir desnormalizando o consumo de tabaco, que en ningún caso é coercitiva nin ten fins recadatorios”.
As praias de Barreiros que se adhiren na presente campaña son as de Arealonga, As Pasadas, Lóngara, Fontela-Valea, Acantilado-Remior, San Bartolo e Altar; con anterioridade xa formaba parte da rede a de Coto. En Cervo súmase a de Cubelas e xa estaba a de O Torno.
Os demais areais da rede son os de Xilloi, Abrela, Caolín e Vidreiro no Vicedo; Esteiro en Ribadeo, A Rapadoira en Foz, e Esteiro en Xove. Entre as praias fluviais súmase a de Chantada á lista que integraban a de Santa Isabel en Outeiro de Rei, a do Clube de Begonte no río Ladra, A Cova no Saviñao, a do río Azúmara en Castro de Rei, a de Xustás en Cospeito, e o Coto da Recadeira en Mondoñedo.
Calidade das augas
O delegado territorial comunicou que a Consellería de Sanidade certificou a calidade das augas das praias da Mariña, outorgando a cualificación de excelente á práctica totalidade dos areais.
O delegado explicou que se analizaron as augas de 45 praias marítimas nos oito concellos costeiros da provincia “e os resultados foron moi positivos, xa que todas son perfectamente aptas para o baño e de feito practicamente todas foron cualificadas de excelentes”.
A Consellería de Sanidade realiza controis periódicos da calidade das zonas de baño que están inscritas no censo oficial. Este programa inclúe a vixilancia sanitaria das zonas de baño mediante a inspección xeral das praias e a analítica das augas, que se realiza no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, situado en Lugo.