Rocío López subliñou que “nestes 4 anos puxemos todo en orden porque estaba o Concello nunha situación moi delicada economicamente. Tivemos que optimizar os recursos cos que contábamos e xestionalos de xeito rigoroso para que as contas a final de ano deran en positivo. Aínda así, non renunciamos a achegar novos investimentos para mellorar as prestacións públicas, sobre todo no rural, e para que os nosos veciños gocen cada día dunha mellor calidade de vida e dun Concello máis próspero”.
“Dende o Goberno Municipal estaremos abertos ao diálogo e á cooperación co resto de grupos da oposición coa finalidade de que Lourenzá siga crecendo e tendo uns servizos adecuados, pero coa idea clara de respectar sempre o programa que presentamos aos laurentinos”.
A Alcaldesa de Lourenzá está arroupada neste mandato por un equipo de Goberno integrado polos Concelleiros socialistas, Javier Huertas Otero, Manuel Arango Ron, María Mercedes Dengra Sixto, Mario Leiton Ramallal e Sonia Gavino Reigosa.