Alguén me dixo hai pouco que o Partido Popular de Xove ten secuestrada a vontade de moita xente. Ou directamente comprada. Ducias de votos de persoas de ben, con boas intencións, das que adoitan abusar os cargos públicos carentes de escrúpulos. Unha veciñanza enganada por intereses espurios e comenencias persoais dalgúns políticos.
E todo isto por que? Porque un día decidiron achegarse á Casa do Concello (seica é a casa de todos) para entregar o currículo ou directamente pedir traballo, xa sexa en Alcoa ou en calquera outra empresa radicada no municipio. Un xesto lexítimo para atopar un emprego digno que sempre é contestado da mesma maneira: «A ver que podo facer». A frase máxica que non di que si, pero tampouco di que non. Unha trampa máis que fai gañar os votiños que deciden as maiorías na noite electoral. E aquela frase ás voltas, analizada polas familias enganadas, resoando unha e outra vez nas súas cabeciñas: «A ver que podo facer».
«Que querería dicir? Terei posibilidades? Cando me chamarán?» Pensamentos roubados e votos secuestrados. Ou viceversa. Pero alí, no caixón onde se amorean os currículos, quedan as esperanzas da rapazada agardando polo día das eleccións. Esquecidos nun despacho aberto as vinte e catro horas (disque). Xogando coas ilusións e cos medos. Aproveitándose, nunha palabra.
O certo é que dende algunhas instancias pódense facilitar entrevistas ou contratos temporais, pero isto tamén acontece noutros moitos ámbitos e non se lle dá tanto bombo. Por iso faise necesario lembrar que quen traballa en Alcoa é por méritos propios. Se vales, vales, e se non vales, non vales. Nin con recomendación, nin sen ela. Por moito que nos queiran vender milongas, se non das o callo, arreas!
Así que votos roubados haberá, non digo eu que non. Pero favores… Favor ningún!
Carlos Fernández Louzao. Concelleiro do grupo municipal BNG Xove