Viveiro, 7 de xuño de 2019. Do 7 ao 10 de xuño celebrarase en Silleda a Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, que se complementa coa celebración nas mesmas datas e lugar de Festur, a feira sobre festas de interese turístico.
Con motivo desta celebración, o Concello de Viveiro, a través da Concellaría de Turismo, realizou as xestións necesarias para organizar unha visita dos tour operadores que participen nas feiras referidas ao noso concello. Esta visita terá lugar o 8 de xuño e nela participarán un total de 30 tour operadores de Portugal, Italia, Irlanda, Suecia, Suiza, Alemania, Brasil, Finlandia, Rusia, EEUU e España. Co fin de mostrar os principais recursos do noso municipio, dende o concello organizouse un programa de actividades no que se inclúe un xantar, unha ruta en barco pola ría e unha visita guiada.
Consideramos que estas iniciativas son unha medida máis que serven para impulsar o turismo nacional e internacional, entendendo que ten os seus resultados no incremento de visitantes que se vén apreciando nos últimos anos, e que serve para consolidar Viveiro como un destino turístico de calidade, con múltiples posibilidades, ao longo de todo o ano.