Santiago de Compostela, 07 de Xuño de 19. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, reclamoulle hoxe á Xunta que axilice os pagos ás confrarías para dotalas de liquidez suficiente que lles permita contratar vixilancia contra os furtivos. A responsable socialista presentou unha pregunta oral en Comisión para pedir o respaldo do goberno galego á Confraría de Lira, que se enfronta sen recursos propios á actuación dos furtivos na Reserva dos Miñarzos.
A responsable socialista sinala que esta Confraría, como outras moitas en Galicia, “non ten recursos para facer fronte á vixilancia, e a vixilancia por parte da Xunta é insuficiente, co que os furtivos adquiren máis poder fronte aos profesionais”. Advirte de que as subvencións para a contratación de persoal obriga ás confrarías a adiantar uns recursos dos que carecen, e ademais “sen garantía ante o compromiso de recursos financeiros” futuros.
Sinalou que os pósitos “carecen ademais de capacidade financeira para adecuarse ás tramitacións” que requiren as axudas da UE, que ademais “son con carácter vencido”, obrigando a adiantar os salarios e cotizacións á Seguridade Social mentres a Xunta resolve. Esta situación aboca ás entidades a impoñer EREs como ten sucedido en Rianxo ou Carril, logo de coñecer que non disporán desta axudas no futuro.
Puxo tamén como exemplo o caso de Lira, onde hai “unha enorme preocupación en relación co furtivismo, cando a situación, logo de mellorar, ten empeorado, polo que os profesionais senten unha enorme impotencia e abandonados”.
Toja chamou ao goberno galego a aceptar as propostas do Grupo Socialista dirixidas a axilizar os pagos ás confrarías “que permiten contratar vixilancia”, ademais de “afondar nas políticas de sancións aos infractores e á rede de beneficiarios do furtivismo”. Tamén reclamoulles maior interese nas “campañas de concienciación” fronte ao consumo de produtos que proceden do furtivismo, unhas medidas “sinxelas e eficaces, pero que nunca foron apoiadas polo PP”.