Site icon Crónica3.com A Mariña

Os edís electos do PP burelés consideran que “o esperpento montado coa inscrición da ocioteca, demostra que Alfredo Llano e Noelia Ben non teñen planificación”

Burela, a 20 de xuño de 2019.- Os concelleiros electos do Partido Popular burelés consideran que “todo o relacionado coa inscrición de nenos e nenas para participar na ocioteca do Concello durante os meses de verán roza o esperpento e demostra que o PSOE, especialmente Alfredo Llano e Noelia Ben, a edil responsable deste evento, non teñen planificación e funcionan por impulsos, sen importarlles que os pais e nais fagan cola de noite agardando a que abra o Concello para facer a inscrición”.
Para os edís electos do PP de Burela, “o mero feito de obrigar á xente a facer cola para inscribir aos nenos e nenas na ocioteca; xa que o criterio para a admisión é precisamente a orde de inscrición, é unha humillación. Unha humillación que se agrava ao obrigar á xente a facer cola de noite, mesmo desde as catro e media da mañá”.
Os concelleiros populares electos denuncian que “a edil, teoricamente responsable, Noelia Ben, foi politicamente unha irresponsable, xa que se limitou a fixar como único criterio de admisión a orde de inscrición. Somos conscientes de que en Burela hai moita poboación en idade de participar na ocioteca e tamén somos conscientes de que os recursos son os que son, polo que Noelia Ben e Alfredo Llano deberían ter estudado algún criterio máis obxectivo como, por exemplo, se traballan ambos proxenitores e mesmo o horario de traballo dos mesmos. Entendemos que non é o mesmo a conciliación para unha parella na que traballen os dous ca outra na que traballe un só; e mesmo na que traballen os dous, o horario de traballo de cada un dos membros da familia. Aínda que seguro que poderíamos fixar máis criterios”.
Para os edís do PP, “isto podería terse evitado se, ademais de fixar criterios coherentes para a admisión, o Concello tivese solicitado en tempo e forma a subvención que a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia convocou no seu día para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar en época estival. Nin o Sr. Llano nin a Sra. Ben Vázquez tiveron a rapidez para pedir esa subvención e, polo tanto, perdeuse a oportunidade de contratar, cando menos, a dous monitores para os meses de xullo e agosto, o que posibilitaría aumentar considerablemente o número de nenos e nenas que poderían participar na ocioteca”.
Finalmente, os edís populares consideran que “todo isto demostra que ata nas cousas máis cotiáns nin Llano nin os seus concelleiros son capaces de actuar con certa solvencia e o peor de todo é que a propia Noelia Ben pida solucións nas redes sociais. Unha concelleira que está a cobrar 14.000 euros ao ano ten que aportar solucións e non pedilas”, conclúen.

Exit mobile version