Ribadeo, 26 de xuño de 2019. O tren turístico de Ribadeo comeza a tempada de verán. Realizará oito viaxes diarias ata o 15 de setembro percorrendo a rúas máis emblemáticas da vila e o porto chegando ata o Faro da Illa Pancha. O tren sae das inmediacións da Oficina de Turismo.
Na presentación, celebrada esta mañá, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, dixo que “estamos moi satisfeitos de iniciar o verán con esta especialidade que temos tamén aquí en Ribadeo, que é este tren turístico que fai as ledicias de visitantes e de locais, porque, sobre todo pensando na xente de fora, que por un módico prezo, pode con comodidade coñecer todos os recunchos da vila, do casco vello e incluso da parte máis setentrional, continuado toda a marxe galega da ría de Ribadeo ata o Faro da Illa Pancha”.
O rexedor amosouse convencido de que “vai atraer a moitísima xente que veña pernoctar a Ribadeo, que veña estar en Ribadeo durante toda esta época estival, e que tamén non pernoctando aquí senón noutros concellos da comarca se acheguen nalgún momento a Ribadeo con tantas actividades que imos ter durante este longo verán. Ademais como somos a envexa do mundo enteiro, porque aquí se pode estar placidamente a 23º ou 24º de temperatura mentres o resto do mundo se achicharra, aquí temos unha oportunidade de ouro para disfrutar e sentado nun tren que nos vai explicando en varios idiomas a historia e todo o que forma parte da nosa vila de Ribadeo”.
O propietario da empresa que xestiona o tren turístico de Ribadeo, José Antonio Neira, explicou que “o tren ten uns prezos bastante razoables, 4 euros para os nenos, 5 euros para os maiores de 65 anos, 6 euros para os adultos e os nenos menores de 3 anos non pagan. A ruta, como dixo o alcalde, é moi bonita. Ensina o porto deportivo e o porto pesqueiro, chega ata o faro, e vai polas rúas máis importantes e emblemáticas do pobo como é unha rúa tan indiana como San Roque, ata a base. Paramos dez minutiños no faro para que a xente, sobre todo a que é de fora, vexa aquela zona. É o terceiro ano que esta empresa leva o tema e estamos encantados de facelo o mellor posible. Se en algo nos equivocamos gústanos que nolo digan para poder corrixilo. Estaremos ata o día 15 de setembro ao pé do canón. Facemos todos os días tres viaxes pola mañá: ás once, ás doce e á unha; e cinco pola tarde: ás catro, ás cinco, ás seis, ás sete e ás oito”.