Site icon Crónica3.com A Mariña

O Obradoiro de Emprego Ribadeo co Camiño rematou os traballos de rehabilitación da área recreativa de O Campín, en Ove, que loce colorida

 Ribadeo, 21 de xuño de 2019. O módulo de xardinería do Obradoiro de Emprego Ribadeo co Camiño ultima os detalles da rehabilitación total da área recreativa de O Campín, na parroquia de Ove.
Os participantes, que reciben formación do Certificado de Profesionalidade de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, levan desde o mes de outubro pasado desenvolvendo prácticas nas áreas de descanso ao paso do Camiño de Santiago por Ribadeo. En concreto na área recreativa de O Campín levaron a cabo labores de mantemento do céspede, podas e coidados en xeral. O pasado mes de maio os participantes lograron realizar unha poda de rexuvenecemento do sebe perimetral que ameazaba aos usuarios e á iluminación pública. A directora do Obradoiro, Maitane Aránguiz, sinala que “foi unha oportunidade para desenvolver unha práctica coordinada entre o programa formativo, os alumnos participantes e a Concellaría de Obras e Medio Rural de Ribadeo. Ademais de recuperar o sebe puidéronse realizar traballos de poda en altura e toda a coordinación que a tarefa require”.
Xa próxima a festa de San Xoán na parroquia de Ove os participantes desenvolveron durante as dúas últimas semanas labores de mantemento e rehabilitación do mobiliario urbano e parque infantil que se atopaba deteriorado. Acorde ás prácticas profesionais non laborais axustadas ao Certificado de Profesionalidade, os participantes levaron a cabo labores de preparación da madeira, formigón e aceiro, lixado e pintado, o que supuxo un cambio total na imaxe do espazo axardinado. Así mesmo reforzáronse as ancoraxes de parte das luminarias, papeleiras e peche perimetral do parque infantil e pintado de porterías e canastras. Sinala Aránguiz que “este tipo de prácticas son unha mostra da profesionalidade adquirida polos participantes nun campo tan diverso como é a xardinería, abarcando por suposto céspede e árbores, pero sen descoidar todos os elementos non vexetais que compoñen a imaxe dos espazos axardinados”.
O público que se achegue o vindeiro domingo e luns á festa atoparase cun espazo colorido e rehabilitado froito dos traballos de prácticas do Obradorio de Emprego Ribadeo co Camiño.
Rematados os traballos na área de O Campín, de Ove, nas seguintes semanas o módulo seguirá pechando obras en O Valín, Vilela, A Pena e San Vicente de Covelas.

Exit mobile version