Balseiro aplaudiu que se potencie este produto, que amplía a oferta turística da comarca cara a territorios menos explorados, tanto dende unha perspectiva xeográfica como temática, e agradeceu a colaboración dos artesáns, obradoiros e empresas de artesanía que participan no programa por “involucrarse nesta proposta cultural e turística”.
O delegado lembrou que esta iniciativa enmárcase no convenio de promoción turística do xeodestino polo que a Consellería de Cultura e Turismo achega 160.000 euros á Mancomunidade de Municipios da Mariña para o desenvolvemento de accións de dinamización turística no bienio 2018-19.
O convenio contempla tres liñas de actuación: a consolidación de produtos turísticos propios, a formación de axentes turísticos e a promoción e divulgación xeral do xeodestino. No marco da primeira liña preténdese dar un novo impulso a accións cunha recoñecida traxectoria, como o mes da maxia, as rutas de sendeirismo polo Camiño Norte ou estas Rutas de Artesanía.
Con este obxectivo, actualizouse a guía das Rutas de Artesanía con propostas de visitas guiadas a distintos artesáns e obradoiros e mesmo a posibilidade de realizar actividades e cursos. Este material informativo estará dispoñible na páxina web de turismo de A Mariña Lucense e nas oficinas de turismo da comarca a partir de hoxe.
Para difundir esta iniciativa, celebraranse cinco xornadas de portas abertas, ofrecendo ás persoas interesadas a posibilidade de realizar de xeito gratuíto algunhas das visitas que se propoñen na guía en Cervo (este domingo, día 16), Mondoñedo (o sábado 22 de xuño), A Pontenova (día 23), e Viveiro e Burela os días 29 e 30 de xuño respectivamente.