Viveiro, 25 de xuño de 2019. O Concello de Viveiro conmemorará o Día Internacional do Orgullo LGBT coa celebración dun acto que terá lugar o venres 28 de xuño, ás 17:00 horas, na Praza da Habana Vella.
Despois de que o Concello de Viveiro se sumase á iniciativa desenvolta noutros municipios -pintando dous bancos dese parque coa bandeira LGTB e outros dous coa bandeira TRANS-, o próximo venres colocarase unha placa conmemorativa nun dos bancos pintados coa bandeira transxénero, facendo constar o logo de Chrysallis, a Asocación de Familias de Menores Transexuais, que tamén estarán presentes no acto.
Con esta iniciativa, dende o concello quérese dar visibilidade a estes colectivos, concienciando en favor da igualdade e diversidade sexual, conscientes da necesidade de impulsar accións que sirvan para concienciar á sociedade sobre a discriminación pola condición sexual e fomentar a igualdade real destes colectivos.