Mondoñedo, 24 de xuño de 2019.- O Goberno local do Concello de Mondoñedo celebra hoxe o seu Pleno de Organización no que se asignan as áreas de Goberno. Entre as novidades, a alcaldesa asume a Concellería de Turismo e Patrimonio Inmaterial e a área do Maior. Tamén se crea unha área de Participación Cidadá, Asociacionismo e Camiño de Santiago e unha de conciliación xunto con Igualdade e Xuventude.
A alcaldesa, a popular Elena Candia, explica que os obxectivos máis inmediatos para este mandato serán revisar os valores do IBI, que se atopan desaxustados, e acometer de maneira urxente o encargo dun informe ao servizo de Intervención “para que nos dea a alternativa admisible de rebaixa ou eliminación da plusvalía”.
A rexedora explica que se chegou a unha situación económica no Concello que permite unha revisión dos impostos locais, o que previsiblemente permitirá unha rebaixa dos mesmos. “Desde a nosa chegada ao Goberno local rebaixamos o que puidemos (taxas, IBI no rural, IBI para quen cree emprego), pero agora imos intentar acometer unha revisión máis ampla que chegue a todos os mindonienses.
Áreas de Goberno
María Elena Candia López, Alcaldesa, concelleira de Turismo e Patrimonio Inmaterial e área do Maior.
Manuel Ángel Otero Legide, 1º tenente de Alcalde, concelleiro de Persoal, de Medio Ambiente e Medio Rural.
Mª Ángeles Rodríguez Rico, concelleira de Facenda e de Benestar. Voceira do Goberno.
José Otero Rejes, concelleiro de Obras, Servizos e Rehabilitación.
Manuel Tapia Rivera, concelleiro de Deportes e Promoción Económica.
Alberto García Fernández, concelleiro de Educación, Cultura e Novas Tecnoloxías, voceiro suplente.
Patricia Otero Doural, concelleira de Participación Cidadá, Asociacionismo e Camiño de Santiago.
Beatriz Meilán Rego, concelleira de Igualdade, Conciliación e Xuventude.
Dedicacións
O Pleno acordará ademais aprobar tres dedicacións parciais de 17.300 euros brutos anuais, distribuídos en 14 pagas, para o cargo de Presidencia, para a concelleira delegada de Facenda e Benestar e para o concelleiro delegado de Obras, Servizos e Rehabilitación.