Cervo, 11 de Xuño de 2019. O Concello de Cervo informa da obrigatoriedade de solicitar autorización para poder facer fogueiras na noite de San Xoán. O prazo remata o vindeiro 20 de Xuño.
O encargado de presentar a solicitude, que ten que ser maior de idade, farase responsable da fogueira e deberá indicar a localización exacta da mesma. As solicitudes están a disposición dos veciños e veciñas desde este 11 de Xuño na Casa da Cultura de San Cibrao e na Casa do Concello; e sen este permiso queda completamente prohibido facer lume.
Villares recordou que o obxectivo que se pretende “é levar un control de todas e cada unha das fogueiras que van estar activas nesa noite de San Xoán, para que se fagan en base ás normas básicas de seguridade e convivencia; tendo en conta que no noso Concello é habitual contar con máis de 100 lumes activos nesa noite”.
Normas de seguridade
No caso das fogueiras, terán que facerse sempre a máis de 15 metros de distancia de vehículos, árbores, fachadas, edificios ou calquera construción e nunca debaixo de liñas eléctricas. Nunca se deberán utilizar sustancias inflamables para prender o lume nin tampouco se poden botar papeis ou tecidos con pouco peso, xa que o aire pode levantalos e facer que inicien un lume incontrolado noutro punto.