Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo entregou os premios do IX Concurso Fotográfico de Medio Ambiente “Cervo Respecta”

 Cervo, 05 de xuño de 2018. O Concello de Cervo entregou esta tarde os premios do IX Concurso fotográfico Cervo Respecta, coincidindo co Día do Medio Ambiente.
En total participaron 27 persoas de diferentes puntos de Galicia, que presentaron, en total, 53 fotografías, das cales unha gran cantidade se identifica claramente unha paraxe do noso Concello.
No acto, que tivo lugar na Sala de exposicións das Antigas Carboeiras de Sargadelos, na que xa están expostas todas as fotografías do concurso, participaron, o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de medio ambiente, Manuela Méndez.
Había catro premios establecidos. O primeiro premio recaeu en Antonio Herrera Huerta, pola fotografía que leva por título Tormenta sobre las Farallóns, que recibiu 50 puntos. Ademais, outorgóuselle o premio Top Cervo concedido á mellor fotografía tomada no noso Concello. Esta instantánea captura o momento exacto no que un lóstrego cae sobre os Farallóns nunha tarde de tormenta.
O segundo premio foi para Jose Jorge Amigo Ventureira (49 puntos), coa foto Burbujas en verde rana. Unha imaxe dunha rá sobre a auga. Esta fotografía empatou con outra a puntos, pero dous dos tres membros do xurado decantáronse por esta.
Ademais, tamén se lle concedeu un premio ao mellor traballo en grupo, que foi outorgado a Asociación de Axuda ao enfermo mental A Mariña.
Villares e Méndez quixeron felicitar aos gañadores e agradecer a súa implicación e grao de compromiso coa contorna “nesta cita xa consolidada no noso Concello, que celebramos con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que ten lugar cada 5 de xuño”.
O xurado estivo composto por profesionais da fotografía, e a exposición estará aberta ao público durante todo o verán.

Exit mobile version