Ribadeo, 21 de xuño de 2019. O colexio Sagrado Corazón, de Ribadeo, presentou esta mañá unha publicación titulada Ribadeo do A ao Z, na que se recollen aspectos destacados da historia e do presente do municipio. O libro, que foi elaborado por alumn@s e profesores do centro, inclúe textos, fotografías e códigos QR a través dos que se poden escoitar locucións gravadas polos autores da obra.
A xefa de estudos do centro, Begoña Sanjurjo, lembrou que “este libriño foi empezado no 2018. Estaba pensado para ser unha homenaxe ao noso cincuenta aniversario, que levamos celebrando desde o 27 de novembro de 2018, Día da Milagrosa, e remataremos o 27 de novembro de 2019. Pero como os autores do libro acaban no colexio este curso imos presentalo hoxe. O colexio ten cincuenta anos neste lugar pero as Fillas da Caridade levan máis de 120 anos en Ribadeo, desde o 1898. O libro é unha homenaxe ao colexio, pero sobre todo a Ribadeo”.
A profesora de Galego Isabel Fernández salientou: “pensamos en facelo porque nun mundo cada vez máis globalizado, onde internet e a forma de interactuar a través das redes sociais ampliaron moito o campo de coñecemento e permiten coñecer outras culturas, pensamos que era o momento de frear, parar, mirar un pouco ao noso arredor e pensar nas nosas orixes, nas nosas tradicións e de onde vimos porque eses son valores que se adquiren nos primeiros anos de vida e que nos acompañan sempre. Constatamos que ás veces os máis novos pasan polas rúas todos os días e non saben quen foi esa persoa que lle dá nome a esa rúa ou a esa praza, entón pensamos que este traballo sería útil para responder eses interrogantes. Ademais no noso colexio hai alumnado doutras comunidades e incluso doutras nacionalidades aos que lles resultaría interesante e positivo ter esta información. O traballo está en galego porque a lingua é o lazo que nos une a todos, que nos identifica e que é o símbolo máis representativo do noso pobo”.
Pola súa banda os alumnos Javi e Noé explicaron: “nós tentamos que o traballo tivera unha temática heteroxénea, é dicir, que incluíra escritores, construcións antigas, grupos de música, políticos, torneos deportivos, festas do pobo, etcétera; do mesmo xeito que nos achegara o pasado pero que tamén aludira ao presente. A selección mestura criterios obxectivos e outros que non o son tanto. Hai protagonistas que merecen un lugar de seu, pola súa importancia histórica, pola súa obra ou pola repercusión que acadaron, e outros tamén están por razóns sentimentais, como Leopoldo Calvo Sotelo, que é o avó dun dos nosos compañeiros, e os Cocos, xa que son o símbolo representativo de Ribadeo que moitos de nós cruzamos cando vimos ao colexio. Para realizar este libro recorremos a distintas fontes para buscar información: a libros antigos que algún de nós tiña na casa, á biblioteca do colexio, á responsable da Biblioteca Municipal, que tamén nos foi de gran axuda, á directiva da SD Ribadeo, que nos achegou información sobre o torneo Emma Cuervo; e, por suposto, a internet, que é a fonte universal por excelencia. O traballo foi feito mediante os grupos de cooperativo, xa que levamos varios cursos practicando este dinámica. Un aspecto complexo foi a síntese do contido porque o formato desexado era que cada letra ocupase so unha páxina. Cada grupo desprazámonos aos distintos lugares de Ribadeo para facer as fotografías que atopamos no traballo e en todas as páxinas da publicación poderemos ver un símbolo que nos indica que nelas está incluído o código QR que reproduce oralmente o texto e que é unha ferramenta útil que serve tanto para a xente invidente como para persoas que queiran facer unha ruta turística pola vila”.
A xefa territorial de Educación da Xunta de Galicia en Lugo, Mariña Gueimunde, declarou: “antes de ser xefa territorial son profesora de plástica e debuxo. A min encántame vir a estes centros que traballan a reo non soamente pola educación senón tamén polos nosos valores. Quero agradecer a invitación a este acto de conmemoración, a este acto de cincuenta aniversario e á presentación deste libro que está cheo de traballo. Vos sodes o futuro, os de cuarto ides pasar ao instituto e ides botar moito de menos este centro. Eu asegúrovos que esta etapa da vosa vida non ides repetila e ídevos acordar sempre do voso centro e dos vosos profesores. Eu estou aquí en nome da Xunta de Galicia para felicitar ao centro por esta conmemoración do cincuenta aniversario, que espero que sexan moitos máis porque son moitos os alumnos e o futuro desta vila fraguouse en gran parte aquí. Este libro é como un dicionario, que abarca moitos temas e con todo o que compón a vila de Ribadeo no seu pasado, no seu presente e o futuro, que sodes vos. Este é o primeiro pero quedaron polo camiño moitas cousas. Así que de agora en adiante seguide traballando ben. Felicidades ao centro, aos pais e nais e a todos vosoutros”.
O deputado autonómico Daniel Vega fixo entrega ao centro de varios agasallos como “o mapa de Domingo Fontán, que foi quen fixo a primeira carta cartográfica do mapa galego, xa que eu creo que é positivo que o mapa galego presida tamén o colexio do Sagrado Corazón. Tamén vos deixo, de parte do Parlamento galego, o Estatuto de Galicia, que sería como a nosa Constitución e que dentro de pouco traeremos para todo o alumnado”.
O acto tamén tivo unha parte musical, a cargo do coro do Sagrado Corazón, dirixido por María do Carme Rodríguez Cancelo, que interpretou a canción Vila Meiga, composta por John Rutherford.