Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG urxe á Xunta a acelerar a execución dos fondos europeos na pesca galega

 Santiago, 18 de xuño, 2019. A deputada do BNG, Montse Prado, reclamou hoxe na comisión de Pesca, a través dunha proposición non de lei, instar á Xunta a presentar no Parlamento un informe detallado “cos motivos da non execución dos fondos FEMP e as consecuencias, para os colectivos que terían que ser beneficiarios dos mesmos”.
Ademais, urxiu á Xunta a iniciar todas as accións necesarias para incrementar o grado de execución dos Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Na súa intervención recalcou que a falta de investimentos procedentes de Europa repercuten moi negativamente nos axentes do mar e acusou ao portavoz popular, Alberto Pazos Couñago de repetir a mesma “mentira” que a Consellería utiliza para xustificar esta falta de execución. Ano tras ano, explicou, Prado, o PP di que pon a disposición do sector un gran número de millóns de euros pero o que realmente oculta son as dificultades para “acceder ás axudas”. No ano 2018 o 63% quedou sen executar, e dende que entrou en vigor o fondo para o 2014-2020 non se executaron 63 M€ para un sector “moi necesitado deses recursos”.
Prado lembrou que dende o ano 2009 ao 2018 hai 3.769 persoas menos afiliadas á Seguridade social, neste mesmo período tamén 70 buques menos ao que sumou a diminución dos permisos de explotación, (Pemex). Mentres isto acontece, “a consellería de Mar permítese o luxo de deixar fondos sen executar” e mesmo impide que no Parlamento contemos cun informe para mellorar a situación.
Estamos a piques, dixo, de finalizar o período para a execución dos recursos europeos para pesca e o Partido popular segue instalado na “inmobilidade” impedindo o investimentos do Fondo europeo. Si tiveramos o informe, reiterou a nacionalista, “poderíamos avaliar que zonas foron recuperadas para o marisqueo, que medidas foron aplicadas para mellorar a competitividade e que proxectos non foron implementados”.
Tras a intervención do popular, Alberto Pazos Couñago, a deputada do BNG volveu acusalo de “mentirán” e reprochou á Consellería do Mar de carecer dunha “política que favoreza ao sector da pesca en Galiza” e aproveitar os fondos europeos para impulsar o “grande capital” con que contamos nesta materia.
Prado rematou lembrando que o Comisario de Pesca da Comisión Europea, Karmenu Vela, a preguntas formuladas pola eurodeputada do BNG Ana Miranda, sobre o estado de execución dos fondos FEMP no período actual contestou que “a Comisión é consciente dos atrasos na execución do FEMP por parte do Estado español” e animou a este a acelerar a execución dos cartos dispoñíbeis toda vez que só ten comprometidos o 16.5%.

Exit mobile version