Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG recrimina á Consellería do Mar a baixa execución dos fondos europeos nun sector, o da pesca de Galiza, gravemente prexudicado

Santiago, 7 de xuño, 2019. A portavoz de pesca e deputada do BNG, Montse Prado, a través dunha pregunta parlamentaria ao goberno sobre o nivel de execución dos recursos procedentes do Fondo Europeo Marítimo e Pesca afirmou que os “orzamentos da consellería do Mar, en materia pesqueira son “unha estafa, escasos e de baixa execución”.

Na súa intervención destacou que o sector da pesca vive cada vez “máis afogado” e con graves problemas mentres a consellería deixa de executar 41M€. Os fondos europeos, explicou, foron concibidos para a transición do mar cara unha pesca sostible, apoio ás confrarías e medidas para beneficiar o sector. No último reparto de Fondos, Galiza acadou algo máis de 300M€ para o período 2014-2020 a pesar de ser o país con “máis flota pesqueira do Estado español”. Non resulta lóxico, dixo, que o Estado deixe unha importante partida dos fondos para distribuílos arbitrariamente e Galiza sempre saía prexudicada.

Prado lembrou que a eurodeputada do BNG, Ana Miranda formulou unha pregunta sobre a situación dos fondos de pesca á Comisión europea en pleno debate na concesión de fondos para o novo período 2021-2027 e a resposta do comisario de Pesca confirmou “atrasos na execución no Estado español cun 10% comprometido, non executado, no mes de abril”, e no ano 18 só executado un 8% no conxunto do estado. A Comisión de Pesca cominou ao Estado español a acelerar a execución dos fondos pesqueiros xa que a dotación do posterior período depende da execución do anterior, confirmou Prado.

Tras a resposta da secretaria Xeral Técnica de Pesca, que atribuíu a falta de execución a cuestións burocráticas, a deputada do BNG replicou que as partidas sen executar tiñan como destino a compra e modernización de embarcacións, aeronaves e helicópteros así como para infraestruturas pesqueiras, mellora da competitividade e da calidade, zonas de produción e axudas para a xestión de recursos biolóxicos e mariños, “partidas que quedaron sen executar”.
A deputada lamentou que un dos sectores máis prexudicados pola baixada de rendas e produción deba tamén sumar unha baixa execución de fondos por “incompetencia” do goberno galego e no seu momento polo goberno do PP en Madrid.

Exit mobile version