O responsable en infraestruturas dos nacionalista de Viveiro, Seve Salgueiro, entende que “xa non existen excusas posibles nunha demora que vai polos 3 anos, é un fracaso de xestión ou, máis grave, falta de interese. Cremos que os asinantes do Convenio en 2016, isto é, Augas de Galiza e Concello de Viveiro, deben facer unha comparecencia pública e conxunta no que expliquen o estado de execución deste Convenio”. Lembramos ademais que o primeiro anuncio dunha inversión da Xunta de 7 millóns de euros data de 2010, cantidade incluída no Plan FEDER 2014-2020, e que foi reducida a 3 millóns en 2016. Levamos 9 anos escoitando a Feijoo ou os seus portavoces lanzar bombas de fume cada vez que se aproximan unhas eleccións, e desta volta non vai ser menos. O Goberno da Xunta carece de credibilidade e despreza aos 30 colectivos asinantes do “Manifesto pola rexeneración da Ría de Viveiro” ignorándoos sen darlle resposta.
No BNG levamos anos facendo traballo na oposición de maneira responsable e construtiva nesta materia, forzando a comparecencia do Director de Augas de Galiza, levando o asunto ao Parlamento Europeo e implicando ao movemento veciñal; ademais formulamos varias peticións ao Goberno Local dos que nunca obtivemos resposta: “É unha tomadura de pelo que agora María Loureiro publique nos medios que pon os expedietes municipais a disposición de quen o solicite, algo que levamos agardando desde xuño de 2017. Esperemos que esta non sexa a celeridade da que presume a alcaldesa” remata Seve Salgueiro.