Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG asegura que o PP volve a enganar á Mariña coa sanidade

31 de maio de 2019. O BNG de Foz expresa a súa indignación e incomprensión diante da nova actuación do PP no Parlamento de Galiza. O pasado 4 de maio a deputada do BNG por Lugo Olalla Rodil visitou Foz para coñecer ao detalle as reivindicacións do Técnicos de Emerxencias Sanitarias (TES) e comprometera a elaboración dunha batería de interpelacións diante da Xunta.
Cumprindo co acordado e só retrasado pola burocracia parlamentar, o BNG presentou o 28 de maio no parlamento de Compostela unha proposición non de lei para modificar os criterios de valoración do concurso do servizo de transporte sanitario urxente, para que se dera máis relevancia ás melloras en material e persoal en lugar de dar maior puntuación aos criterios económicos. Foi rexeitada polo PP.
Ese mesmo 28 de maio a Comunidade de Madrid, nada sospeitosa para os nosos xestores, decide incrementar o número de ambulancias cun técnico adicional, e dicir dous efectivos por vehículo para o transporte sanitario urxente, revertendo a decisión de hai anos de quedar cun so, despois de acreditar, como todo o mundo xa sabía que a asistencia é mellor con catro traballadores por vehículo. O SUMMA 112 incrementa os vehículos equipados con dotación dobre de TES. O SERGAS inicia a redución a un, e escolle A Mariña para o experimento.
O PP contra toda lóxica e evidencia, continúa unha xeira de desmantelamento que iniciou coa aniquilación da Area sanitaria propia da Mariña, e ven desenvolvendo con precisión milimétrica unha folla de ruta que bloquea e sobrecarga até a extenuación aos profesionais de atención primaria. Nun novo alarde de aforro sen cabeza, desposúe de material básico ao Centro de Saúde de Foz.
Por riba, diante da recente denuncia de CIG-Saúde é capaz de negar o evidente cunha nota de prensa de nula credibilidade, na que indica que nada pasa. Mais os usuarios atopan o centro cos materiais funxibles baixo mínimos. É o resultado de deslocalizar o subministro deste material nunha plataforma loxística, que responde a máxima de aforro a toda costa e desvío de recursos a empresas privadas desta administración.

A mesma lóxica que fixo que o servizo de hemodinámica do HULA funcionara durante anos en horario de oficina e que rematou coas evidencias de exceso de mortalidade fronte aos estándares de outras areas. Pode alguén do PP explicar cunha mínima coherencia e argumentos técnicos por qué unicamente A Mariña queda cun só TES?, non, é imposible.
O malo será cando os dados amosen que fora un erro de consecuencias tráxicas e anos despois inicie como o SUMMA unha reconsideración. O BNG continuará reclamando a xestión directa e xusta en Area propia, con dotación adecuada de persoal e material nos servizos sanitarios da Mariña.

Exit mobile version