Ribadeo, 13 de xuño de 2019. O alcalde, Fernando Suárez, critica que a dureza terrible dos requisitos da Xunta fai moi complicada a contratación de todos os socorristas que precisa Ribadeo para prestar os servizos axeitados nas súas praias durante o vindeiro verán.
Desde o Concello venlle de comunicarlle á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que “a planificación do Concello é a de dispoñer de servizo de socorrismo nas praias de Os Bloques, Os Castros, As Illas, Esteiro e As Catedrais, dende o 15 de xuño ata o 14 de setembro”. Nese escrito dise que “outra cousa son as posibilidades reais que teremos á hora de poder cubrir este servizo debido á escaseza de candidatos que cumpran coas excesivas esixencias que a Xunta estableceu nos últimos anos”.
O rexedor asegura que “desde o Concello comprometémonos a facer as contratacións dos socorristas, sempre que poidamos. Somos os primeiros en facelo, pagamos máis e contratamos por máis tempo. Pero a dureza terrible dos requisitos da Xunta fan moi complicado todo este procese. Case ningún Concello, con independencia da cor política, da cumprido con todos eses requisitos”. E engade que “mentres isto ocorre en Galicia vexo como os nosos veciños asturianos non teñen este problema, garantindo un servizo adecuado en canto a número e calidade do seu persoal, en contraposición coa normativa galega que provoca que cada ano dispoñamos de menor número de candidatos a ocupar este servizo e consecuentemente nos vexamos na obriga de deixar determinadas praias sen socorristas á vez de non cubrir nas debidas condicións outros areais”.
Fernando Suárez subliña que “como pase algo neste verán, non será culpa dos Concellos. A responsabilidade sobre a protección das vidas será da Xunta e dos miopes que defenden ese xeito de proceder”.