Burela, 19 de xuño de 2019. O programa BUFANDO, Burela actÚa Fronte Á violeNcia De xénerO, achegou esta semana ás mulleres do concello a conceptos claves para a prevención da violencia de xénero e o fomento das relacións igualitarias entre mulleres e homes. O programa, impulsado polo concello de Burela no marco do desenvolvemento do Pacto de Estado, continúa con gran acollemento por parte da poboación burelense.
Co apoio do Centro de Información á Muller de Burela, esta semana leváronse a cabo dúas accións formativas dirixidas ás mulleres do concello, pechando así o ciclo de formacións para mulleres Bufando. As temáticas abordadas no día de onte estiveron relacionadas coa concepción, causas e escalada da violencia de xénero na sociedade, con énfase naquelas violencias cotiás de difícil detección – os micromachismos -; e cos conceptos de empoderamento feminino e redes de sororidade como instrumentos esenciais para a construción dunha sociedade igualitaria.
Estas accións formativas, coordinadas e realizadas polo equipo de ReTnova Proxectia Consulting S.L., empresa adxudicataria do programa, dan continuidade ao desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero dende o eido local, e están financiadas con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdad, a través da Secretaría de Estado de Igualdad.
Mulleres de todas as idades participaron nas ditas formacións, involucrándose de forma activa no desenvolvemento dos talleres a través de dinámicas, reflexións conxuntas, debates e preguntas. A combinación de teoría e práctica permitiu profundar os conceptos máis básicos de forma vivencial, fomentando o entendemento profundo das desigualdades sociais, pero tamén dándolle sentido ás experiencias de discriminación e violencia das mulleres que participaron nas formacións dentro sistema patriarcal.
O programa BUFANDO seguirá activo nas próximas semanas, coa distribución de material informativo e formativo de grande interese sobre temáticas específicas que afectan ás relacións de desigualdade entre mulleres e homes e que o concello porá pronto a disposición da cidadanía.
Porque a aturar a violencia de xénero é responsabilidade de todos e todas, BURELA segue BUFANDO para afastar o machismo.