Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2019. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Cervo, Alfonso Villares Bermúdez, mantiveron esta mañá unha reunión na que o rexedor municipal lle trasladou os proxectos que a Administración local quere levar a cabo neste concello da Mariña.
Un dos temas abordados foi a posibilidade de executar unha reordenación do Polígono empresarial de Cervo, da Cuiña, co fin de acoller novos proxectos nesta área empresarial deste concello da Mariña lucense. Ante esta petición a conselleira trasladoulle o compromiso de estudar e analizar a posibilidade de levar a cabo unha reordenación do parcelario actual, co fin de verificar que se poden agrupar os metros cadrados necesarios para aposta en marcha de distintas instalacións.
Neste sentido, o Instituto Galego de Vivenda e Solo asumirá os traballos previos que permitan contrastar a viabilidade da proposta, así como os procedementos precisos para que, no seu caso, se poda levar a cabo a reordenación do ámbito para conseguir un mellor aproveitamento e máis facilidade para a implantación de novas actividades.