Site icon Crónica3.com A Mariña

María Loureiro: “O apoio dos veciños dános máis alento para seguir traballando por Viveiro, gobernando para todos por igual”

 Viveiro, 15 de xuño de 2019. A Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, tomou este sábado posesión para seguir sendo a rexedora do Concello. Fíxoo tras ser a forza máis votada, con máis do 45% do escrutinio, un total de 3.781 votos. Estes resultados permiten ao PSOE acadar 8 Concelleiros dos 17 que compoñen o consistorio.

María Loureiro agradeceu o apoio e confianza dos veciños “que co seu voto, premiaron o esforzo realizado neste mandato, dándonos máis alento para seguir traballando por e para Viveiro, gobernando para todos os viveirenses”. A rexedora explicou que “dende o Goberno imos dialogar para chegar ao consenso, como vimos facendo actualmente, naqueles asuntos importantes para o Concello, buscando sempre o acordo e implicación de todos os grupos”

“Hoxe é o inicio dunha nova etapa na que toca continuar o labor iniciado hai 4 anos. Unha nova lexislatura que asumimos coa mesma ilusión e compromiso por traballar en beneficio dos veciños de Viveiro. Durante este tempo, o Concello mellorou notablemente, pero somos conscientes de que aínda quedan cousas por facer como o PXOM, a Vía de Altas Prestacións da Costa Norte ou o saneamento da ría, proxectos que seguiremos reclamando ás administracións que corresponda”.

“Continuaremos coa transformación iniciada, no camiño do progreso e do futuro, pero sempre pensando no saneamento das arcas municipais”. Neste senso, a Alcaldesa de Viveiro lembrou que o Goberno Municipal reduciu a débeda do Concello en 4 millóns de euros e que a súa intención é “seguir nesta liña, sen deixar de achegar novos investimentos para mellorar as prestacións públicas”.

María Loureiro destacou que “o noso programa para os vindeiros anos inclúe 120 propostas: proxectos, actuacións e melloras reais que cumpriremos con compromiso, humildade e capacidade de traballo. Nalgúns casos supón a continuidade e mellora de servizos xa existentes, noutros o impulso á áreas estratéxicas como o turismo, o emprego e infraestruturas, así como o deporte, a cultura, o medio ambiente ou iniciativas vinculadas á muller”.

O Goberno Municipal que lidera a Alcaldesa de Viveiro está integrado polos Concelleiros socialistas, Jesús Fernández Fernández, Lara Fernández Fernández-Noriega, Jesús Antonio Fernández Cal, María Soledad Rey Yáñez, César Iglesias Docal e Victoria Baamonde Gómez.

Exit mobile version