O acto arrincou ás 18:00 horas no Teatro de Ribadeo onde máis dun cento de persoas que participaron nas actividades puideron desfrutar dunha divertida obra de teatro a cargo da compañía A Adala de Fazouro, que levan máis de vinte anos enriba das táboas. Puxeron en escena a súa obra Elixir de Xuventude, “que nos deixou a todos e todas cun sorriso de orella a orella e con ganas de tomar un pouquiño dese caldo”, explica a dinamizadora sociocultural do Concello, Susana Álvarez. Sobre as sete e media da tarde tivo lugar a clausura oficial das actividades, que pecharon o alcalde, Fernando Suárez, a concelleira de Muller, Mariluz Álvarez Lastra e a concelleira de Xuventude, Vanesa Yanes. “Recibimos tamén unha nota moi agarimosa da concelleira de Servizos Sociais, Sonia Meilán”, seguiu a relatar Álvarez.
Tamén estiveron presentes na celebración as persoas encargadas de dinamizar as actividades: Héctor Peña, monitor de Taichi, Diego, que foi o monitor da actividade Coida a Túa Espalda, e Susi das Tardes de Lecer. O acto de clausura rematou no restaurante Voar cuns pinchos.
Susana Álvarez agradece “tanto ás persoas que participaron tanto o día da clausura, para que fose un éxito, coma os resto do curso en cada unha das propostas que se foron facendo. Agora a desfrutar moitísimo do verán e a prepararse para o vindeiro outono”.