O programa de actos arranca cunha mesa redonda titulada “Luís Trigo, ferreiro dun mundo mellor” que se celebrará o sábado 22 ás 12:00 h na Casa da Xuventude de Mondoñedo. A intención deste acto é contribuír a un mellor coñecemento da súa figura en diversos períodos e facetas da súa vida, contando nela con persoas estudosas e coñecedoras da súa obra. Así na mesma, participarán Antonio Reigosa, Cronista Oficial de Mondoñedo,Carlos Nuevo Cal, especialista da guerrilla na Mariña, Ana Cabana, profesora da USC e autora de importantes investigacións sobre a guerrilla e a represion en Mondoñedo, Ramón García Piñeiro, grande especialista da guerrilla e investigador das andanzas de Trigo polas terras do Eo Navia, e Fernanda Cedrón Trigo,neta do guerrilleiro .
A xornada terá continuidade ás 17:30 do propio sábado 23 no cemiterio de Vilanova de Lourenzá, lugar onde foron enterrados Luís Trigo Chao e Antonia Díaz Pérez, a carón do monólito erguido por subscrición popular en lembranza dos homenaxeados e que garde testemuña para o futuro do lugar onde xacen os seus restos. No acto de inauguración do monólito tomaran a palabra Xosé Luís Fernández Rivera, en representación da comisión organizadora, Francisco Martínez “Quico”, compañeiro de loita de Luís Trigo e Antonia Díaz, e Fernanda Cedrón, neta de Luís Trigo. O monólito será financiado por unha subscrición popular tendo a comisión organizadora á venda uns bonos axudas dunha contía de cinco euros para aqueles que queiran colaborar co mesmo.
A homenaxe rematará cun recital poético musical en lembranza de Luís Trigo e Antonia Díaz que se celebrará no propio cemiterio de Lourenzá e no participaran os poetas e músicos Marica Campo, Martiño Maseda, Adolfina Mesa, Manuel Regal Ledo, Luís Ferreiro, Margarita Bermúdez, Xosé Leivas,David Otero,Mero Iglesias,Pepe de Noriega,Xosé Fernández Abella, Miguel Medallas e banda e Miro Casabella.A organización colocará cadeiras no cemiterio de Lourenzá para que a xornada sexa máis levadeira para os presentes, previndo a posibilidade de traslado do mesmo ao salón de actos da casa do concello en caso de choiva.
Xosé Luís Fernández Rivera quixo facer “un chamamento a todas as veciñas e veciños da comarca a que se sumen a esta xornada de lembranza a dúas persoas que deron a súa vida para construír un mundo mellor e coa que sociedade actual ten contraída unha débeda pola súa xenerosidade e entrega”. Ao tempo amosou “ o agradecemento a todas aquelas persoas e entidades que nos están prestando a súa colaboración e nos fixeron chegar o seu apoio”.