Site icon Crónica3.com A Mariña

Jorge Val: “Seguiremos a folla de ruta que os veciños apoiaron desenvolvendo un proxecto para Alfoz que involucre a todos”

 Alfoz, 15 de xuño de 2019.- Jorge Val tomou este sábado posesión como Alcalde de Alfoz. O rexedor socialista repite, esta vez con maioría absoluta, ao recibir máis do 52% do total de votos nas Eleccións Municipais, con 652 sufraxios, acadando 5 dos 9 escanos que integran o pleno da corporación municipal.

Jorge Val subliñou que desenvolverá un proxecto “de continuidade, traballando para cubrir as principais demandas dos nosos veciños. Estes primeiros 4 anos foron complicados porque o difícil é arrancar, pero os alfocenses souberon valorar a transparencia e o esforzo que fixemos na xestión municipal para sacar ao Concello da parálise. Agora continuaremos esa folla de ruta que os veciños apoiaron nas urnas, ofrecendo diálogo á oposición, como sempre fixemos”.

O Alcalde destacou varios dos proxectos que quere levar a cabo neste mandato como a construción dun centro de día para maiores, a dotación dun polígono industrial para que se instalen novas empresas no Concello, a aprobación do PXOM e acabar coa división parcelaria no municipio. “Todo isto, sen deixar de lado os nosos servizos básicos, especial atención na mellora do saneamento e as traídas de auga nas parroquias, o acondicionamento de accesos e a renovación de novo alumeado público. O faremos elaborando uns orzamentos participativos, atendendo as necesidades dos veciños de cada parroquia para así desenvolver un proxecto social que involucre á cidadanía”.

O Goberno Municipal do PSOE en Alfoz estará integrado, ademais de polo rexedor, por 4 Concelleiros máis: Ana Aránzazu Incera Ares, Cándido Paleo Rejes, María Luisa Goás Lorenzo e César Marrube Novo.

Exit mobile version