No IES Ribadeo Dionisio Gamallo, a exposición sobre o miliciano Francesc Boix e as súas experiencias de vida seguen expostas á entrada do instituto. Un percorrido que comeza co final da nosa guerra civil e o obrigado exilio de moitos milicianos republicanos que decidiron continuar a loita contra o fascismo máis alá das nosas fronteiras e que foron feitos prisioneiros e trasladados a campos de concentración como Mauthausen. Aquí comeza a historia do Boix fotógrafo, xa que o seu labor no campo foi fotografar e arquivar fotografías que describían distintos aspectos do día a día do campo: desde visitas de altos mandos, ata intentos de fuga, experimentos ou simplemente testemuñas dos prisioneiros que por alí pasaban, traballaban,… e morrían. Máis tarde tería protagonismo sendo o único español citado como testemuña nos xuízos de Nüremberg e Dachau.
A exposición está composta por 18 paneis que relatan a vida de Francesc Boix, ilustran as rutinas dramáticas dos campos, e ofrecen unha perspectiva histórica dun dos dramas humanos máis aterrador que asolou Europa e o mundo no século XX. A exposición se completa con dous vídeos documentais que tratan a vida do fotógrafo (do director Llorenç Soler) e o relato de dous deportados galegos que volven ao campo e describen o lugar e a súa experiencia.
Un relato histórico que debemos ter presente e que non podemos permitir que volva a suceder, unha lección de historia de obrigada lectura, unha exposición que toda a cidadanía pode visitar en horario de mañás ata comezos de xullo.