Burela 5-6-19. A Delegación Municipal de Cultura e a Área de Turismo e Cultura da Deputación Provincial de Lugo, presentan a Exposición fotográfica “Meridiano 7,30 º Oeste” do autor José Luís Rodríguez (PRADERO).
A mostra estará na Sala de Arte da Casa da Cultura de Burela ata o vindeiro, 21 de xuño, en horario de luns a venres, de 10 a 13 horas , e de 17 a 20 horas.
Pradero, nado en Anderlecht (Belxica) en 1969, iníciase como fotógrafo aos sete anos cunha Kodak Instamatic. Máis adiante, xa na súa xuventude, adicará gran parte do seu tempo a experimentar con diferentes cámaras e aprenderá a usar diversas técnicas sempre de forma autodidacta.
No ano 1995 comeza como profesional da fotografía soicial que derivará despois no fotoxornalismo colaborando co diario El Progreso. Dende 1999 ata 2013 traballa en La Voz de Galicia como redactor gráfico , e dende o ano 2014 para a revista Interviú ata o seu peche. Asemade, continúa realizando fotografías de publicidade, arquitectura, industrial, temática social e sucesos, destacando os seus traballos para medios como EL Mundo, EL País ou O Jornal de Notícias de Portugal.
No 2014 comeza o proxecto de fotografía das praias da costa luguesa avalado pola Deputación Provincial de Lugo. Aí descobre que a xente do mar está feita dunha pasta especial.
A súa fotografía documental vai máis alá do fotoxornalismo, sobre todo en canto a profundidade, xa que retrata o modo de vida e a situación social dun determinado grupo. A través destas fotografías achéganos á paisaxe e á vida das persoas da Mariña de Lugo, o sacrificio que realizan en condicións extremas, o seu carácter afable, sinxelo , humano e empático que evidencia o seu amor e o seu profundo respeto pola paisaxe, a natureza e as xentes . Todo isto dá como resultado unha gran beleza nas súas composicións.
“Non podes comunicar unha emoción se non a sintes primeiro. Non podes cautivar ao público se non transmite unha emoción…”
Froito da conexión do autor co mar e as súas xentes, presentamos esta serie de trinta e cinco fotografías agardando amosar as emocións vividas polo autor na paisaxe costeira da Mariña.