O Valdouro 4-6-19. A Concellería de Cultura do Concello do Valadouro acolle unha mostra pictórica chamada “Novas Visións” que é promovida pola Asociación de saúde mental A Mariña e que protagoniza o artista Xosé López Losada, “Xolo”, usuario da asociación.
A exposición poderá visitarse do 6 ao 30 de xuño de 2019 na Casa da Cultura do Concello de O Valadouro (Avda. Diputación, 6 ) en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:30 de luns a venres.
O xoves 6 de xuño celebrarase un acto de inauguración ás 20h, no cal intervirá o propio artista, Xolo, e a directora técnica da asociación A Mariña, María José Novoa.
Os cadros que se poderán visitar nesta mostra son pintura ao óleo e presentan unha temática variada, se ben en todos eles destaca especialmente o estilo do autor: composicións de imaxes de cores con pinceladas puntillistas e liñas ondulantes. “Esta mostra está composta por 20 obras escollidas entre máis de 600 cadros, e agardo que a xente goce véndoa tanto como eu o fixen mentres creaba”, declara Xolo.
Unha vida dedicada á arte
Xolo naceu en Ourol e recoñece que “a arte é toda a miña vida”. Tal e como relata el mesmo, comezou a súa carreira artística aos 5 anos; aos 8 mercou as súas primeiras acuarelas e fixo unha copia dunha obra de Velázquez. Tras gañar múltiples concursos artísticos na súa etapa escolar, en 1987 trasladouse a Salamanca para estudiar Belas Artes. A finais do 2º curso, unha enfermidade mental impediulle seguir pintando ata 2005, cando retoma a pintura e comeza a expoñer cun notable éxito.
Dende que forma parte da asociación de saúde mental A Mariña, Xolo participou en numerosos certames de pintura e realizou exposicións en diversos lugares da comarca mariñá.