Site icon Crónica3.com A Mariña

Éxito da xornada A Mariña Somerxida

 Foz 24-6-19. A xornada realizada o pasado sábado no CENIMA de Foz, promovida polo GALP A Mariña Ortegal e organizada por Maremasma, foi un verdadeiro éxito. Máis de cen persoas asistiron ao longo da mañá ás diversas charlas organizadas para poñer en valor o patrimonio natural e histórico somerxido da Mariña Lucense. Unha acollida moi superior ao esperado con asistentes de tódolos concellos da comarca e visitantes acudidos dende outras provincias galegas, Ourense, A Coruña e Pontevedra, como tamén veciños asturianos ou portugueses que se achegaron a descobrir a Mariña Somerxida. Compañeiros de diferentes universidades, centros de mergullo, administracións, asociacións e outras entidades encheron unha sala de conferencias abarrotada, con moita curiosidade por coñecer a visión dos relatores sobre o medio mariño.
O público disfrutou das interesantes temáticas sobre o medio mariño e os relatores convidados nesta primeira edición puxeron o listón moi alto. Entre os conferenciantes contamos con nomes como o profesor de bioloxía Ricardo Roberto Fernández, autor do libro ” Invertebrados marinos del Cantábrico: una mirada a la vida de nuestra costa”; a doutora M. Carmen Cobo Llovo, especializada en bioloxía, biodiversidade e conservación mariña; João Rodrigues, fotoxornalista subacuático da revista National Geographic; David Fernández Abella, historiador e arqueólogo especialista en arqueoloxía náutica e subacuática e Fernando Patricio Cortizo, experto en naufraxios da costa de Galicia. Todos eles deron unha visión única do que se esconde baixo a superficie das augas da nosa costa.
A xornada serviu como inauguración da exposición fotográfica que será itinerante nos diferentes municipios costeiros da Mariña Lucense. As instatáneas subacuáticas dos fotógrafos Hugo Fernández e Carlos Gil, que sorprenderon enormemente ao público, mostran a riqueza dos fondos da nosa costa. O visitante viaxa máis alá da superficie dos nosos mares para descubrir un mundo incrible de especies únicas.

Exit mobile version