Ribadeo 18-6-19. Esta fin de semana o atleta ribadense Brais Díaz Salas participou representando á Escola Atlética lucense no Campionato de España de clubs sub14 de atletismo, que tivo lugar en Ciudad Real.
A competición tivo lugar na tarde do sábado e na matinal do domingo, competindo Brais nas disciplinas de lanzamento de peso e 80 m.l., posto que neste campionato cada atleta debía participar nun concurso e nunha carreira.
Na tarde do sábado competía en peso, onde acadaría unha estupenda 6ª posición sobre un total de 64 participantes, cun mellor lanzamento de 10,85 m., prácticamente igualando o seu mellor rexistro.
Na xornada de domingo era a quenda dos 80 m.l., empregando 12,44 seg. en entrar en meta, o que lle supoñía rebaixar a sua mellor marca en 60 cts.
A Escola Atlética lucense pola súa banda, remataría a competición nunha excepcional 6ª praza, entrando no top 10 dos mellores clubs sub 14 masculinos de España.