A Mariña, 20 de xuño de 2019. Con motivo da edición da nova guía sobre as Rutas de Artesanía que a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense presentou o pasado venres, día 14, organízanse nas fins de semana de xuño unhas xornadas de portas abertas a obradoiros e recursos de distintas localidades da Mariña Lucense. Esta fin de semana é a quenda de Mondoñedo e A Pontenova. Estas accións realízanse no marco do convenio firmado coa Axencia de Turismo de Galicia.
No novo material informativo, que está dispoñible na páxina web e nas oficinas de turismo da comarca, proponse ao visitante coñecer a riqueza patrimonial, natural e gastronómica a través da proximidade e sabedoría dos artesáns da Mariña Lucense, principais protagonistas desta iniciativa. A nova proposta consta dunha serie de itinerarios nos que o visitante pode adentrarse no oficio do artesán e disfrutar dos valores naturais, culturais e gastronómicos da localidade onde se ubican e da súa contorna próxima.
As xornadas de portas abertas das Rutas de Artesanía da Mariña Lucense teñen por finalidade dar a coñecer con actividades gratuítas para o público xeral esta iniciativa. As xornadas deron comezo o pasado domingo en Cervo coa visita ao asteleiro de carpintería de ribeira de Francisco Fra e ao Museo Provincial do Mar. Na xornada participaron un total de 15 persoas de distintas procedencias como Asturias, Madrid, Terra Chá e da propia comarca da Mariña Lucense, que lle trasladaron a súa satisfacción á organización polo positivo da iniciativa.
As xornadas continúan esta fin de semana en Mondoñedo e A Pontenova. As actividades serán gratuítas e incluirán a visita a un ou dous obradoiros e unha actividade complementaria. O 22 en Mondoñedo co alfar, unha visita guiada ao centro histórico da cidade e ao canteiro pola tarde. O domingo 23 tocaralle á Pontenova coa visita ao taller dun ferreiro, á antiga estación de tren, que hoxe en día acolle a Aula de Interpretación da Pesca, e ao fornos de Vilaoudriz.
A iniciativa, que busca ofrecer un motivo interesante polo que desprazarse ao territorio antes da tempada alta, está dirixida tanto a locais que desexen coñecer mais sobre os recursos da zona como a visitantes que queiran vivir unha xornada diferente da man dos artesáns da Mariña Lucense.
O sábado 29 seguirán estas xornadas de portas abertas en Viveiro coa visita a dous ceramistas –un pola mañá e outro pola tarde- e unha visita guiada ao centro histórico. Viveiro pasará o testigo a Burela, que cerrará as xornadas o 30 de xuño cunha visita ás redeiras e ao barco museo boniteiro Reina del Carmen.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, dixo que “estamos comprobando a boa acollida que está a ter esta guía de artesanía, que editamos, que xa se distribuíu en moitos sitios e que ademais temos programado unha serie de visitas concertadas para diferentes lugares. A semana pasada, o día 16, fomos a Cervo onde visitamos o asteleiro artesanal máis o Museo do Mar. Esta fin de semana, o día 22 vaise a Mondoñedo a coñecer o centro histórico cunha visita guiada, o canteiro máis o alfar. En Mondoñedo tamén están funcionando moi ben as audioguías teatralizadas que están en marcha e que son moi demandadas pola xente. O domingo 23 van ir á Pontenova a ver a un ferreiro onde vai haber unha demostración do seu traballo e tamén van ir á Aula de Interpretación da Pesca e a visitar os antigos Fornos de Vilaoudriz, ambas as dúas visitas moi interesantes e recomendables”.
Llano engadiu que “imos rematar os días 29 e 30 de xuño. O sábado 29 a visita será a Viveiro onde van ir ao Complexo Regal Xunqueira, coñecerán o centro histórico da man dun guía e unha visita guiada e tamén á artesá e ceramista Miriam Viveiro. Remataremos, o domingo 30, en Burela para visitar as redeiras e o barco museo”.
Para o presidente da Mancomunidade “a experiencia en Cervo foi total, a xente saíu contentísima. Fanse grupos de quince persoas como máximo para poder visitar, dunha forma cómoda e interactiva, aos diferentes artesáns que están programados para este mes. Hai xente interesada tanto para ir a Mondoñedo como á Pontenova e aínda quedan prazas, polo que animamos a todo o mundo a inscribirse e vivir unha experiencia diferente. Tamén xa se poden inscribir tanto para Viveiro como para Burela. Consideramos que desde a Mancomunidade estamos colaborando ben con estas guías que están perfectamente explicadas e ademais motivando a que se visiten a eses artesáns. Vemos que estamos dalgunha forma colaborando ben para que o turismo se interese por vir á nosa comarca e saquemos rendemento en todos os aspectos”.
A continuación indícanse as datas cos horarios aproximados:
Mondoñedo 22-06
Alfar 10:30 – 11:30
Visita centro histórico 12:00 – 13:30-14h aprox.
Canteiro 17:00 – 18:00
A Pontenova 23-06
Ferreiro 10:30 – 12:00
Visita Aula Interpretación da Pesca e Fornos de Vilaoudriz 12:30 – 14:00 aprox.
Viveiro 29-06
Regal Cerámica 10:30 – 11:30
Visita centro histórico 12:00 – 13:30-14h aprox.
Miriam Cerámica 17:00 – 18:00
Burela 30-06
Redeiras 10:30 – 11:30
Barco Museo “Reina del Carmen” 12:00 – 13:00 aprox.
Para asistir a algunha destas citas cos artesáns da Mariña Lucense é necesario anotarse en turismo@amarinalucense.gal ou no teléfono 654089894. O aforo máximo é de 15 persoas por xornada.