Mondoñedo 15-6-19. Durante a súa intervención, Elena Candia asegurou que “supón un gran orgullo ter a responsabilidade de ser alcaldesa dunha das mellores cidades do mundo”.
“Moitas gracias aos veciños, aos compañeiros, aos compañeiros de oposición e á familia. E gracias a todos os que dunha maneira ou doutra, me axudan a que os proxectos para Mondoñedo sexan unha realidade”, dixo.
Asegurou que foron “catro anos de intenso traballo con 61 Plenos e 140 Xuntas de Goberno. Traballouse sen descanso para intentar gobernar para todos e todas. Buscamos ensinar ao mundo a mellor imaxe de Mondoñedo para que Mondoñedo soase en positivo”.
Agora, “empeza un novo mandato, que ten que construírse cos mesmos valores, cos mesmos principios e sen baixar dende logo a intensidade no noso traballo. Non se entende un proxecto político que non se centre en valores sólidos, como son a coherencia, a honradez e dicíndolle a verdade á xente”, considera.
Asegurou que seguiremos tendo como prioridade “o coidado dos nosos maiores. Tamén continuaremos a impulsar a rehabilitación para dinamizar e fixar poboación. Seguiremos aproveitando os nosos recursos para seguir posicionando o noso concello como o que sabemos que é: un destino turístico recoñecido, colaborando coa entidade privada e apostando dunha maneira forte polo Camiño Norte. A nosa cultura e o noso patrimonio inmaterial tamén son elementos que dinamizan e crean postos de traballo”.
Engadiu que “crear emprego é sen dúbida un dos principais retos. Fomos quen de reducir o desemprego dunha maneira mantematicamente indiscutible pero ten que seguir sendo o punto primeiro da nosa axenda de traballo”.
Tamén, “temos moi en conta o noso rural. As nosas 14 parroquias, que ven neste concello unha administración que as ten na súa axenda, con infraestruturas, investimentos e con xestos”, asegurou.
Todo isto, matizou, dentro “dun escenario, cunha contabilidade ordenada, mirando polos dereitos dos traballadores deste Concello, peza clave para poder materializar o noso proxecto e con absoluta transparencia”.
Por iso, “pedimos a colaboración de todos. Primeiro da oposición, aos que lles traslado o agradecemento polos proxectos nos que deron o seu apoio. Non diminuiremos a capacidade de diálogo. Tamén agradecemos a todos os veciños e asociacións, que traen propostas, proxectos e ideas. Un Concello constrúese entre todos os veciños e vecinas”.