Lugo, 7 xuño, 2019. A presidenta provincial do PP, Elena Candia, destaca que “o resultado das pasadas eleccións nos lexitima para gobernar” e, polo tanto, “reivindicamos que se nos deixe materializar o noso proxecto para que os lucenses vexan que fronte a un escenario de pugnas e pouco entendemento; hai un Partido que non está debatendo por sillóns, senón que está planificando un proxecto para a provincia de Lugo”.
Foi durante a reunión da xunta directiva onde os populares analizaron os resultados electorais das pasadas eleccións do 26-M na provincia de Lugo e na que tamén participou o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo.
Candia quixo agradecer “a toda a xente que nos apoiou e que fixo que o PP gañara as eleccións na nosa provincia”. De feito, o Partido Popular é o partido con máis representantes na Deputación Provincial –onde volve contar cun total de 12 deputados, a un da maioría absoluta-. E a pesar de non chegar á maioría na Deputación, o Partido Popular obtivo os mellores resultados de Galicia (39,18%) e Lugo sitúase como a única provincia galega onde sube en porcentaxe de voto (+0,15%).
A presidenta dos populares lucenses interpreta, por outra parte, que “o partido que se atopa no Goberno da Deputación perdeu a confianza dos veciños e veciñas” tal e como se deriva “da perda dun deputado”.
Concello de Lugo
A nivel municipal, a máxima dirixente do PP de Lugo puxo tamén en valor o aumento da representación do PP na cidade de Lugo “onde tamén gañamos as eleccións”. Nese sentido, “o máis lexítimo e o máis xusto sería que gobernaramos. Estamos perfectamente preparados para liderar un Goberno que antepoña ante todo os intereses dos veciños e veciñas tanto na cidade de Lugo coma na nosa provincia”.