Viveiro, 28 de xuño de 2019. A Comisión de Festas da Romería do Naseiro transmitiu á alcaldesa as condicións e prohibicións impostas pola Xunta de Galicia, por Medio Ambiente e Protección da Natureza; tamén os requisitos esixidos por Augas de Galicia, que implicarían o cambio de ubicación e a perda da súa esencia.
En principio, o concello e a comisión de festas van reunirse a vindeira semana coa idea de convocar aos voceiros dos demais grupos políticos para poder tratar con eles este asunto, tendo en conta que se trata dun problema que afecta á viabilidade da romería.
É bo tomar precaucións, pero as medidas impostas son moi estritas e poden motivar que se deixe de celebrar unha romaxe centenaria, de grande arraigo e tradición. Segundo se indica por parte da comisión de festas, que se está encargando de tramitar os permisos necesarios ante as distintas administracións, cada vez vanlles esixindo novos requisitos e non teñen marxe de actuación.