Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias. “Na procura da xustiza”, por Pablo Álvarez Ramos

A xustiza e a equidade son conceptos difusos que só podemos definir como sociedade. É por esta razón polo que, aínda que esteamos a falar de dereitos individuais como a propiedade, compre consensuar un respecto que só se pode garantir polo conxunto.
Deste xeito co estamento xudicial sucede algo semellante que coa democracia representativa: sempre chegan tarde, porque primeiro muda a sociedade e logo transfórmanse as institucións.
Anda a sección cuarta do Tribunal Supremo enredada con discusións técnicas e procesuales ao respecto da exhumación de Franco. Un Auto xudicial deixou en standby o traslado dos restos mortais do caudillo, a expensas de que se dite Sentencia que resolva o recurso contencioso administrativo interposto pola familia do ditador.
Importantes razóns de “interese público” que atinxen, non só á familia Franco, senón á cidadanía española, aconsellan agardar até a resolución do recurso porque, para o caso de que se estimara a acción xudicial dos Franco, habería que devolver o corpo ao seu lugar. Unha enleada.
Si se estimase a pretensión da familia do caudillo, unha vez trasladados os seus restos, produciríase unha situación “extremadamente prexudicial” polas “características únicas e singulares do caso”, podendo vulnerar o disposto na lei 52/2007 de memoria histórica.
Andaba o cidadán medio preocupado polo mundano e as cousas do comer, farto de cuestións recorrentes do pasado, que tivo que vir a máis alta instancia xudicial a lembrarlle que Franciso Franco foi “xefe de estado dende o 1 de outubro do 36 até o seu falecemento”.
E así o dixeron e así se quedaron. Así quedamos todos. Retratados en caricatura.
De súpeto os tres anos de goberno republicano dos anos 36-39 deixaron de existir, como se esvaeu a súa legalidade constitucional ou o golpe de estado.
Non sabemos se foi un lapsus linguae ou un exercicio de nostalxia filo-franquista pero o Supremo volveu a esvarar e, so pretexto do interese interese público, case se mata.
Semella que sempre ten gran transcendencia o que din os xuíces, como obviando que os feitos e o dereito son de todos, e que estes foron sempre cidadáns antes que maxistrados.
Supoño que algún día, nalgún tempo, e máis aló dos pronunciamentos xudiciais tomaremos conciencia da vinculación directa existente entre capital e patria e porqué os March, Koplowitz, Fierro, Fenosa, Coca, Meliá… seguen a gañar nos seus negocios, porqué a corrupción sostén o sistema político e a xudicatura é dependente e sumisa.

Exit mobile version