Os alumnos Diego Barreira Sobrado, Mario González García, Javier López del Río e Ángel Yáñez Santana elixiron Queixumes dos pinos de Eduardo Pondal. Segundo as súas propias palabras, “o autor foi elixido pola relevancia que ten na nosa literatura, e entre toda a súa obra fixámonos nestes versos de Queixumes dos pinos, porque son un canto á liberdade, personificada nas gaivotas, e tanto a voz do autor como as nosas, envexan e reivindican a liberdade das aves, que teñen o grande Océano para voar sen fin, e para deixarse levar ata perderse de vista. O ritmo da nosa música e os nosos movementos, como as ondas do mar, acompañan dalgunha forma ese voar feliz pero tamén melancólico que transmiten estas aves e a auga que lles serve de sustento, tanto para voar como para vivir…. Esa relación entre a liberdade e a vida únese no vivir e voar sobre as augas que nos rodean”.
O profesor Manuel Yáñez Dablanca salientou que relacionar o universo da literatura cos modos de expresión propios da xuventude é unha forma de coñecer e asimilar a nosa propia cultura e identidade, e que, por riba de contidos teóricos e ideolóxicos, axuda a que os xoves profunden na nosa lingua, nos nosos sentimentos e nas nosas aspiracións.
Esta pequena peza será versionada polos grupos de compañeiros e compañeiras e será a primeira dun conxunto de clásicos da literatura galega que este grupo de alumnado publicará na web do insituto.
Noraboa pois polo seu interés, traballo e atrevemento, e grazas a Viaqua e a La Voz de Galicia porque, a través do seu programa Prensaescuela, ofrecen unha excusa perfecta de traballo que compaxina aspectos teóricos, lúdicos e didácticos cos que poder enriquecer o noso día a día académico amosando a parte divertida dos contidos de aprendizaxe.